A San Silvestre confirma o seu éxito con 7.000 participantes nunha xornada festiva de deporte e convivencia familiar


A proba consolidouse como unha gran reunión social onde familias, amigos e diversos clubs deportivos da cidade correron xuntos.

A cidade de Pontevedra despediu o ano convertendo as súas rúas nunha gran celebración colectiva. A San Silvestre 2025 confirmou o éxito do modelo de cidade activa esgotando os 7.000 dorsais dispoñibles, o que supón que un 8,33 % da poboación empadroada participou correndo ou camiñando, situando a Pontevedra á cabeza das cidades do Estado en participación relativa.

Segundo a análise realizada polo Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra, este dato de participación relativa (83,3 inscritos por cada 1.000 habitantes) sitúa a Pontevedra como líder indiscutible en comparación coas principais cidades do Estado. Mentres Pontevedra mobiliza a máis do 8 % da súa veciñanza, cidades cunha gran tradición nesta proba rexistran porcentaxes moito menores, como Toledo (5,90 %), San Sebastián (3,16 %) ou Madrid, onde a súa masiva San Silvestre Vallecana apenas representa ao 1,21 % da poboación. En Galicia, a diferenza tamén é notable respecto a cidades como A Coruña (2,70 %) ou Vigo (2,02 %).

Este éxito non é un feito illado, senón o reflexo dunhas políticas públicas coherentes. Os datos locais, que indican que un 60 % da poboación practica deporte semanalmente e case un 70 % camiña máis de 10 minutos ao día, equiparan a Pontevedra cos países europeos máis avanzados en hábitos saudables, como Finlandia, Dinamarca ou os Países Baixos.

O evento transcendeu o puramente deportivo para converterse nunha festa da saúde e a convivencia. Charo Castro, presidenta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra —entidade encargada da dirección técnica da carreira en colaboración co Concello de Pontevedra—, valorou moi positivamente o desenvolvemento da proba: “Foi un éxito. Non só é unha carreira, é unha reunión social e unha festa”.

O ambiente festivo foi a nota dominante dunha xornada marcada pola alta participación de grupos non competitivos. Segundo destacou Castro, a esencia desta San Silvestre reside en compartir o momento cos seres queridos: “Xuntámonos coa familia e os amigos. Dá gusto. Para nós é unha marabilla”.

Así mesmo, a presidenta da Sociedade Ximnástica puxo en valor a implicación do tecido deportivo local, salientando a participación de diversos clubs na propia proba, o que demostra a boa saúde do deporte base pontevedrés. Castro animou a que se visibilice esta colaboración: “Que se animen os clubs deportivos, que se vexa que somos a cidade do deporte e que temos unión entre os clubs participando uns nas cousas dos outros”.

Un dos puntos fortes desta edición foi a excelente organización previa, especialmente no referente á retirada de dorsais. A diferenza de edicións anteriores, a recollida foi fluída e sen incidencias, grazas á previsión da organización e á responsabilidade dos pontevedreses.

A organización, que contou coa dirección técnica da Sociedade Ximnástica en estreita colaboración co Servizo de Deportes, agradeceu o labor da Policía Local e da Agrupación Local de Protección Civil, claves para garantir a seguridade durante o percorrido. Así mesmo, destacouse o apoio de empresas colaboradoras como Froiz, A’Devesa, Galmotor e Miler Vintage Running Club, que axudaron a facer posible un evento que xa é un símbolo da identidade de Pontevedra.

Compartir publicación: