A Asociación Cultural Maiolongo e o Concello de Pontevedra presentaron hoxe, ás 19.00 horas, no Centro Social do Gorgullón, o volume colectivo Meu Castelao, unha publicación que recolle achegas diversas arredor da figura e do legado de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. O acto contou coa intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do presidente da Asociación Maiolongo, Xosé Abilleira.
Na súa intervención, o alcalde sinalou que este volume “representa todo o que se fixo en Pontevedra durante o Ano Castelao”: a ampla implicación da veciñanza e do tecido asociativo da cidade para construír unha programación plural e ambiciosa, capaz de dar conta de todas as facetas de Castelao e da fonda pegada do veciño máis ilustre do concello. Fernández Lores subliñou tamén que a celebración do Ano Castelao “non pode rematar aquí”, e que é necesario continuar traballando “con moita máis forza” para construír unha Pontevedra e unha Galiza dignas das arelas de Castelao: innovadoras, respectuosas con todas e todos e donas do seu propio futuro.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Maiolongo, Xosé Abilleira, agradeceu expresamente a participación de todas as persoas colaboradoras na publicación, así como o apoio do Concello de Pontevedra, que fixeron posíbel a edición deste volume colectivo.
Meu Castelao reúne reflexións, testemuños e creacións arredor da figura do primeiro presidente de Galiza, central na cultura, no pensamento e no devir do país. Como se recolle na propia publicación, “un pobo que non se respecta a si mesmo non pode ser respectado polos demais”, unha idea que atravesa o conxunto das contribucións e conecta co espírito do Ano Castelao celebrado en Pontevedra.
Este acto constitúe o derradeiro evento do Ano Castelao antes do seu peche oficial, que terá lugar o vindeiro 7 de xaneiro coa colocación dunha placa conmemorativa na que foi vivenda de Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira, no número 1 da praza de España.
Persoas colaboradoras na publicación Meu Castelao
Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra;
Centro Social A Pedreira
Amalia Bóveda
Ana Acuña, profesora da Facultade de Ciencias da Educación;
Andrea Báyer, mestra e actriz;
Ánxela Paz, animadora sociocultural e secretaria da asociación Paspallás;
Anxo González Guerra, catedrático de Lingua e Literatura Galegas;
Cano Paz, libreiro;
Conchi Cochón, técnica de normalización lingüística;
David Amor, humorista;
Eva Vilaverde, Vicealcaldesa de Pontevedra;
Fernando Vilanova, catedrático de debuxo e escritor;
Fina Casalderrey, escritora e mestra;
Juan Picos, catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal;
Judith Iglesias, frautista e Presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra;
Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento galego;
Luísa Márquez, ex-presidenta da Rede de Escolas da UNESCO;
Luz Gallego “Nenuca”, libreira;
Manolo Figueiras, pintor;
Manuel Lourenzo González, escritor e profesor de Lingua e Literatura Galegas;
Marcelo Dobode, músico;
María Obelleiro, mestra, xornalista e ex-directora de Nós Diario;
María Xesús López Escudeiro, profesora de francés;
Marta Gómez, ex-secretaria xeral de Galiza Nova;
Montse Fajardo, xornalista e escritora;
Otilia Carballa, do grupo de música tradicional Maravallada;
Pablo Abelleira, secretario nacional de Mocidade Galega pola Memoria;
Pilar Allegue, filósofa e política;
Ramón Regueira, catedrático de Filosofía no IES Valle-Inclán;
Roberto Rivas, adegueiro, historiador e guía do roteiro Castelao en Pontevedra;
Sabela Bará, profesora de Lingua e Literatura Galegas e responsábel local do BNG en Pontevedra;
Silvia García González, profesora da Facultade de Deseño da Universidade de Vigo;
Susana Trigo, profesora de Xeografía e Historia;
Tereixa Alonso, contadora e membro de Pavís Pavós;
Vicky Estévez, promotora de igualdade e mestra de teatro;
Vítor Lueiro, médico;
Xosé Álvarez Castro, mestre e historiador;
Xosé Monteagudo, escritor;
Xosé Abilleira, presidente da Asociación Maiolongo.