En xaneiro proxectaranse ‘Sorda’, ‘Maspalomas’, ‘Decorado’ e ‘La cena’, algunhas das películas con máis nomeamentos aos premios da AICE
Marta Fernández-Muro será a protagonista dun coloquio e dun ciclo especial como Premio Feroz de Honra 2026
A programación das actividades previas aos Feroz 2026 en Pontevedra chega ao seu punto álxido en xaneiro, que culminará coa gala do 24 de xaneiro. Nas próximas semanas visitarán a Boa Vila os candidatos dalgunhas das películas e series con máis nomeamentos aos premios da AICE, para achegar os seus últimos traballos ao público da cidade.
Xaneiro arrincará co xa anunciado ciclo especial dedicado a Marta Fernández-Muro, Premio Feroz de Honra 2026. O sábado 3 proxectarase ‘La comunidad’, un clásico moderno de Álex de la Iglesia con Carmen Maura como protagonista, rodeada —e perseguida— por grandes nomes do cinema español. E o domingo 4 proxéctase ‘Volver a empezar’, de José Luis Garci, que foi a primeira produción española gañadora do Óscar á mellor película estranxeira.
Eva Libertad e Álvaro Cervantes, directora e protagonista de ‘Sorda’, estarán no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 10, para presentar esta historia que mostra a loita e as dificultades que enfrontan as persoas xordas. Esta ópera prima alzouse co Premio do Público no Festival Internacional de Berlín 2025 (Sección Panorama) e coa Biznaga de Ouro á mellor película, os galardóns para os mellores intérpretes (Garlo e Cervantes), o Premio do Público e o Premio Feroz Puerta Oscura no pasado Festival de Málaga. Ademais, conta con 6 nomeamentos aos Feroz 2026. Esta actividade será totalmente accesible mediante subtitulado e interpretación en lingua de signos.
O mércores 14 será a quenda de ‘Maspalomas‘, coa presentación e o coloquio cos seus directores Jose Mari Goenaga e Aitor Arregi, membros do colectivo Moriarti: 7 nomeamentos aos Feroz deste ano para unha conmovedora película que é á vez unha profunda análise da vellez na comunidade LGTBIQ+, como é marxinada e os medos que a atenazan. O seu protagonista, José Ramón Soroiz, borda o seu papel e gañou o premio á mellor interpretación protagonista no Festival de San Sebastián. Esta sesión realízase en colaboración con Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGTBIQ+ de Pontevedra.
O coruñés Alberto Vázquez desvelaranos os segredos da súa nova cinta de animación, ‘Decorado‘ o xoves 15. Nomeada como Mellor película de comedia nos Feroz 2026, esta longametraxe de animación é un acedo retrato do mundo ultracapitalista e salvaxe que nos rodea. Un moi coidado traballo que transmite no formal e no narrativo.
Dous veteranos do noso audiovisual, Elvira Mínguez e Manuel Gómez Pereira, presentarán ‘La cena’ o luns 19. Esta adaptación da obra de José Luis Alonso de Santos opta a 5 premios Feroz 2026, incluído o de mellor película de comedia. Unha repartición en estado de graza (Mario Casas, Alberto San Juan, Asier Etxeandia, Elvira Mínguez, Óscar Lasarte e Antonio Resines, entre outros) que compón un divertidísimo vodevil de estilo berlanguiano.
Ao día seguinte, Mínguez e Gómez Pereira visitarán o Centro penitenciario da Lama para charlar no seu auditorio con internos e internas tras a proxección da película, e desta forma achegarlles o noso cinema e, á vez, coñecer de primeira man as actividades culturais que se realizan e parte do día a día da prisión.
A tradicional charla maxistral do Premio Feroz de Honra será o xoves 22 de xaneiro: Marta Fernández-Muro conversará co público sobre as 20:45 aprox, tras a proxección ás 19:00 do excepcional ‘Arrebato’ de Iván Zulueta. Un thriller único e escuro que supón toda unha experiencia para o espectador. Fernández-Muro estará acompañada por María Guerra, presidenta da AICE, para repasar a súa carreira e as anécdotas acumuladas ao longo da súa traxectoria. Experta robaescenas e rostro imprescindible do cinema español dos oitenta, o seu nome atravesa as últimas décadas do cinema, o teatro e a televisión española –desde ‘Cajón desastre’ a ‘Farmacia de guardia’, ‘Periodistas’, e máis recentemente en ‘Seis hermanas’, ‘Supernormal’ e ‘Sin gluten’.
Todas estas sesións celebraranse no Teatro Principal de Pontevedra (Rúa Paio Gómez Charino, 6).
As entradas son gratuítas previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes de cada actividade e ata completar o aforo. Máximo 2 entradas por persoa.
Para quen non poidan achegarse á oficina de Turismo, o Concello pon ao dispor do público un formulario de inscrición na web https://apuntate.pontevedra.gal
A Deputación provincial colabora co Concello de Pontevedra na promoción da edición 2026 da Gala Feroz da cidade de Pontevedra para que volva a ser un éxito como na cita de 2025.