A Policía Local continúa a modernizar o seu parque móbil coa incorporación de dous novos vehículos híbridos 

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou hoxe as dúas novas unidades que supoñen un investimento global de máis de 103.000 euros e que substituirán a dous coches obsoletos.

Os vehículos, de tecnoloxía híbrida enchufable, entrarán en servizo de inmediato e destacan pola súa eficiencia para a circulación urbana. 

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou hoxe nas instalacións da Xefatura da Policía Local de Pontevedra dous novos vehículos patrulla que se incorporan de inmediato á frota municipal. Estas adquisicións enmárcanse dentro da planificación de renovación do parque móbil do corpo de seguridade, permitindo retirar outros dous coches que, por quilometraxe e antigüidade, quedaran obsoletos.

Vilaverde destacou que con esta entrega “chegaron os reis anticipados”, permitindo mellorar substancialmente os recursos a disposición dos axentes. Trátase de dous vehículos do mesmo modelo que o adquirido na anterior licitación (tamén híbrido enchufable), xa que gañou a mesma casa comercial, o que garante a continuidade dun sistema que xa ofreceu “un resultado magnífico”.

O investimento total para estas adquisicións ascende a 103.834,51 euros. O vehículo equipado con kit para o traslado de detidos tivo un custe de 53.732,26 euros, mentres que o prezo da unidade sen este equipamento foi de 50.102,25 euros.

Ambos os coches son automáticos e contan con tecnoloxía híbrida (combustión a gasolina e eléctrico enchufable). A Policía aposta por esta tecnoloxía porque se considera “a máis eficiente” para o servizo policial urbano. Entre as súas vantaxes, está a circulación en modo eléctrico a velocidades curtas polas vías urbanas, o que aforra consumo, e ao ser de gasolina evítase a saturación de filtros que adoitan sufrir os vehículos de combustión tradicional neste tipo de traxectos. Ademais, están dotados de sistemas de emerxencia acústicos e luminosos de última xeración.

O obxectivo destes novos coches é “xubilar” a dúas unidades antigas. Deste xeito, o parque móbil da Policía Local estabilízase en 20 vehículos (tras a retirada dos vellos) e 20 motocicletas. Segundo a concelleira, esta dotación “colma as necesidades e mellora substancialmente o que tiñamos”.

Espérase que os novos patrullas entren en servizo nos vindeiros días, xa que unicamente están pendentes dos últimos trámites de aseguramento.

Compartir publicación: