O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora da Sociedade Ximnástica, Charo Castro; e o director deportivo da proba, Víctor Riobó, presentaron hoxe os detalles da carreira máis antiga de Pontevedra, que aspira a superar os 7.000 participantes
O Concello de Pontevedra acolleu hoxe a presentación da 42ª edición da San Silvestre, unha cita consolidada no calendario como a proba máis antiga da cidade e unha das de maior tradición na Galiza e no resto do Estado. A presentación contou coas participacións do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora da Gimnástica, Charo Castro; e o director deportivo da proba, Víctor Riobó.
O rexedor salientou que a San Silvestre é unha “festa do deporte nunha cidade do deporte” e amosou o seu desexo de superar os 7.000 participantes (foro máximo para este ano), aspirando a alcanzar os 8.000 nun futuro próximo e superar o récord histórico do ano 2019. Lores destacou o gran potencial deportivo da cidade, que conta con preto de 60 clubs federados e unha intensa actividade en diversas disciplinas.
Pola súa banda, Víctor Riobó explicou que a carreira mantén a súa esencia social e familiar, sendo unha escusa para o reencontro entre amigos e veciños antes da cea de fin de ano. O percorrido, de 3.800 metros, será totalmente urbano, con saída e meta na Avenida de Montero Ríos.
Como novidade técnica, Riobó sinalou que se instalaron dous tótems (un de saída e outro de meta) para xestionar o gran volume de corredores. “A intención é que o circuíto estea totalmente cheo de xente; dada a velocidade dos primeiros e a cantidade de participantes, é probable que o gañador entre en meta cando aínda non saíron os últimos”, indicou o director deportivo. A saída oficial terá lugar o 31 de decembro ás 17:00 horas.
Para participar é obrigatorio inscribirse aportando un quilo de alimentos, o que garante a obtención do dorsal e a cobertura do seguro da proba. As inscricións poden realizarse na tenda Miller e, nos últimos días, habilitarase un local cedido na rúa Castelao, número 3, para axilizar os trámites e evitar as colas de última hora.
Charo Castro, directora da Gimnástica, cualificou a proba como a “festa anual do atletismo e de Pontevedra”, facendo un chamamento a que participen persoas de todas as idades, dende nenos ata avós. Así mesmo, celebrou as boas previsións meteorolóxicas, que apuntan a que este ano a carreira se desfrutará baixo o sol, lonxe das condicións adversas de edicións pasadas.