A concelleira María José Abilleira destaca que a parroquia pasou de 16 a 159 casas conectadas neste mandato e confirma que se estudan “vías legais” para dar servizo ás 116 vivendas bloqueadas pola negativa dun particular a deixar pasar a conexión.
O Concello de Pontevedra encara o remate dos traballos da segunda fase do saneamento da zona norte da parroquia de Verducido (a zona sur está rematada), segundo informou a concelleira de Rural, María José Abilleira. A responsable municipal cualificou de éxito a acollida desta nova infraestrutura, subliñando que “nesta fase o 100% das vivendas solicitaron a acometida”. En total, trátase de 66 novos fogares que en breve disporán do servizo, o que supón un salto cuantitativo moi relevante respecto á situación previa.
María José Abilleira fixo balance da evolución do servizo na parroquia durante o actual mandato. “Pasaremos así das 16 vivendas que estaban conectadas ao inicio de mandato ás 159 actuais”, explicou a concelleira, poñendo en valor o esforzo investidor realizado nestes anos.
Cabe lembrar que a primeira fase do saneamento, finalizada na zona sur (lugares de Verducido e Covadáspera), supuxo un investimento superior aos 2,4 millóns de euros e incluíu a pavimentación integral de 20.500 metros cadrados de vías, garantindo a reposición do firme en todo o ancho das estradas afectadas.
Malia o avance xeral, a concelleira informou da existencia dun punto conflitivo ao quedar pendentes “116 vivendas que están bloqueadas pola negativa dun particular a deixar pasar pola súa propiedade”, unha situación que impide “nin tan sequera deixar arranxar a tubería existente na zona”.
Ante esta situación, o Goberno local mantense firme no seu obxectivo de completar a rede. “Para este goberno o saneamento nas parroquias é prioritario”, asegurou a concelleira. Aínda que recoñece que “o máis rápido sería o permiso voluntario”, ante a imposibilidade de obtelo, Abilleira confirmou que os servizos municipais xa están “traballando para estudar as vías legais que permitan a colocación desta tubería”.
O obxectivo final é garantir que o servizo chegue “á maioría dos veciños e veciñas da parroquia de Verducido”, superando os atrancos que, como xa ocorrera no pasado coa necesidade de autorizacións para o paso de tubaxes polas extremas das propiedades, dificultaron a execución técnica do proxecto.