A actuación, que conta cun orzamento de máis de 39.500 euros, forma parte do plan de supervisión e mellora de espazos infantís iniciado a comezos do mandato para garantir a seguridade e a certificación das áreas de xogo.
O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá as obras de mellora integral que o Concello está a executar no parque infantil de Ribeira dos Peiraos. Esta intervención non é un feito illado, senón que responde á liña de traballo prioritaria establecida dende o inicio do mandato, centrada na supervisión, priorización, reparación e mantemento da rede de parques infantís municipais.
Moreda explicou que, tras realizar unha análise exhaustiva do estado de todos os parques do concello, estase a proceder ao arranxo daqueles que, como o da Ribeira dos Peiraos, se atopaban en peor estado de conservación. O obxectivo final destas intervencións integrais é que as instalacións queden totalmente adaptadas á normativa vixente e obteñan a certificación de seguridade correspondente.
A obra, que supón un investimento de 39.585,15 € (IVE incluído), destaca por unha singularidade técnica: a incorporación dun sistema novidoso no pavimento. Segundo detallou o concelleiro na súa visita, o novo chan de seguridade SBR amortecedor inclúe un tratamento cun líquido especial deseñado para a absorción de partículas de CO2. Esta medida adóptase tendo en conta a ubicación do parque, situado moi preto dun vial con bastante tráfico, co fin de mellorar a calidade ambiental do espazo de xogo.
Ademais desta innovación, os traballos de renovación son completos e abranguen:
- Renovación do peche: substitución do valado perimetral antigo por un novo de madeira tratada en autoclave.
- Novos pavimentos: retirada do caucho deteriorado e instalación de pavimento amortecedor SBR, cuberto con céspede artificial de alta calidade. Tamén se renovou a superficie de xabre e creáronse novas soleiras de formigón para o asentamento dos xogos.
- Elementos de xogo: retiráronse os antigos xogos para instalar dous novos pórticos de randeeiras (con asentos tipo cesta, normal e para bebés), un novo conxunto multixogo de madeira con escaleira e tobogán, así como resortes balancín (un individual e outro para catro usuarios).
Durante a visita, Xaquín Moreda salientou a importancia de manter estes espazos públicos en condicións óptimas e confirmou que o plan de melloras continuará activo, existindo xa unha listaxe de prioridades para actuar proximamente noutros parques da cidade e do rural que tamén requiran intervencións integrais ou parciais.