O público pontevedrés poderá gozar na gran pantalla de cintas como ‘La comunidad’, ‘Volver a empezar’ e ‘Arrebato’, tres das películas máis importantes da súa filmografía
O xoves 22 de xaneiro no Teatro Principal terá lugar a tradicional charla maxistral da persoa homenaxeada pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España: Marta Fernández-Muro, Premio Feroz de Honra 2026, será a protagonista do devandito coloquio e de un ciclo especial con ‘La comunidad’, ‘Volver a empezar’ e ‘Arrebato’, tres das películas máis importantes da súa filmografía.
O sábado 3 de xaneiro ás 19:00 proxectarase ‘La comunidad’, un clásico moderno de Álex de la Iglesia no que se mesturan comedia negra, suspense e acción. Carmen Maura protagoniza esta historia, rodeada -e perseguida- de grandes nomes do cinema español (María Asquerino, Jesús Bonilla, Paca Gabaldón, Sancho Gracia, Emilio Gutiérrez Caba, Kiti Mánver, Terele Pávez… e tamén Marta Fernández-Muro) como membros dunha comunidade de veciños moi particular e sen escrúpulos.
O domingo 4 gozaremos de ‘Volver a empezar’, drama dirixido por José Luis Garci con Antonio Ferrandis, Encarna Paso, José Bódalo, Agustín González e Marta Fernández-Muro, que narra a historia dun exiliado que regresa á súa cidade natal tras a ditadura e reencóntrase con antigas amizades… e coa muller que foi o seu amor de mocidade. Trátase da primeira produción española gañadora do Óscar á mellor película estranxeira, en 1983.
Ademais, o venres 26 de decembro, dentro das actividades previas con equipos de películas e series nomeadas, poderemos ver a Fernández-Muro como a nai de Raúl Cimas na brillante ‘Poquita Fe’. Riremos co resumo da tempada 1 e con 4 episodios da segunda.
A charla co público pontevedrés do xoves 22 de xaneiro terá lugar ás 20:45 aproximadamente no Teatro Principal, tras a proxección ás 19:00 horas do excepcional ‘Arrebato’ de Iván Zulueta. Un filme de culto, moderno e posmoderno, que supón toda unha experiencia para o espectador. Eusebio Poncela, Will More, Cecilia Roth e Marta Fernández-Muro brillan neste thriller único e escuro.
Fernández-Muro estará acompañada por María Guerra, presidenta da AICE, para repasar a súa carreira, as anécdotas acumuladas ao longo da súa traxectoria e os seus traballos con directores como Mario Camus, Pedro Almodóvar, Fernando Colomo… e os citados Garci, de la Iglesia e Zulueta. Experta roubaescenas e rostro imprescindible do cinema español dos oitenta, o seu nome atravesa as últimas décadas do cinema, o teatro e a televisión española –desde ‘Cajón desastre’ a ‘Farmacia de guardia’, ‘Periodistas’, e máis recentemente en ‘Seis hermanas’, ‘Supernormal’ e ‘Sin gluten’.
Nos #Feroz2026 haberá en total 21 categorías: once de cinema, sete de series, dous Premios Feroz Arrebato e o Premio Feroz de Honra para a actriz Marta Fernández-Muro.
A cerimonia retransmitirase en directo na 2 e RTVE Play e estará presentada por Petra Martínez, Samantha Hudson, Elisabet Casanovas e Antonio Durán ‘Morris’. A alfombra vermella poderase seguir desde a canle de Youtube dos Premios Feroz.
Os Premios Feroz 2026, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Deputación provincial de Pontevedra, así como por Legado Ibérico, marca premium de Elpozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial—, Cafés Candeas —Café Oficial—, a entidade de xestión de dereitos de autor DAMA; Holded, software de facturación e moito máis para emprendedores, pemes e autónomos; o estudo de cinema e televisión Ficción Producións; e a axencia de viaxes B travel; co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura; e coa participación de Crea SGR.
A AICE é un grupo plural de ao redor de douscentos xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.