Raquel Piñeiro presenta mañá na Fundación Moldes “Un país na pantalla” dentro do ciclo Palabra de Cine! nas previas dos Feroz 

As previas dos Feroz traeran esta semana a Pontevedra aos equipos das series ‘Superestar’ e ‘Yacarta’ 

A programación estendida dos Premios Feroz en Pontevedra continúa o seu percorrido cultural este mes de decembro, fusionando literatura e audiovisual. Tras a presentación da primeira xornada dedicada ás orixes tecnolóxicas do cine, o ciclo ‘Palabra de Cine! Literatura e cinema en diálogo’ regresa este martes 16 de decembro ás 19:00 horas na sede da Fundación Manuel Moldes.

A protagonista desta segunda sesión será a xornalista e escritora Raquel Piñeiro, quen presentará a súa obra Un país en la pantalla. España a través del cine y las series. Acompañada polo xornalista cultural Ramón Rozas, condutor do ciclo, Piñeiro ofrecerá unha análise sobre como a ficción audiovisual reflicte —ou inventa— o territorio e a historia.

A sesión porá o foco en como a cámara narra a transformación do país, cunha atención especial a Galicia e Pontevedra a través das súas rodaxes. Abordaranse temáticas que van dende o cine rural e a chegada de Hollywood, ata o cinema popular do franquismo e as series da Transición. Raquel Piñeiro é unha voz autorizada na materia, especializada en cultura e cine, con colaboracións habituais en cabeceiras como Vanity Fair, El País ou Condé Nast Traveler.

O evento celebrarase rodeado pola exposición Bicos de cine de Manuel Moldes, unha serie pictórica de 1992 recuperada para a ocasión que captura a emoción e o misterio da gran pantalla. A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo.

Un mes de letras e imaxes

Este encontro literario chega tralo inicio do ciclo o pasado venres 12 de decembro, onde se recuperou a memoria histórica coa presentación de Enrique Barreiro. As orixes do cinema en cor. Nesa ocasión, o doutor Carlos Aurelio López Piñeiro e o colectivo Taller Abierto reivindicaron a figura do cineasta pontevedrés e o seu innovador sistema Yuxtacolor de 1925.

O ciclo ‘Palabra de Cine!’ pecharase o vindeiro martes 23 de decembro, tamén ás 19:00 h, cunha ‘Conversa Cinéfila’ entre Diego Moldes e Ramón Rozas sobre a confluencia do cinema, a literatura e a cidade de Pontevedra, destacando a sensibilidade cinéfila da vila dende a época muda ata a actualidade. Servirá de preámbulo á presentación do próximo libro de Moldes, Más grande que la vida. Escritos sobre cine 2000-2025, unha “enciclopedia” que traza un canon fílmico do século XX.

Feroz das series: proxeccións e coloquios

Paralelamente á actividade literaria, a programación dos Feroz complétase este mes coa proxección de tres das series máis agardadas ou celebradas da tempada, contando coa presenza dos seus creadores e intérpretes para charlar co público. As entradas para estas sesións pódense retirar na Oficina de Turismo da Praza de España.

  • Xoves 18 de decembro: Proxección de Superestar. Unha viaxe á iconografía pop dos 2000 que contará coa presenza do seu creador Nacho Vigalondo e as actrices Ingrid García-Jonsson e Rocío Ibáñez.
  • Venres 19 de decembro: Será a quenda de Yakarta, unha historia que mistura emoción e deporte, presentada polo seu creador Diego San José e a actriz protagonista Carla Quilez.
  • Venres 26 de decembro: O peche do ano corresponderá á comedia Poquita Fe, cuxa proxección e presentación da nova tempada contará cos actores Pepón Montero e Julia de Castro.

Compartir publicación: