Investigadores do CSIC, da UDC, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e de proxectos pioneiros como XIXÓN ECORESILIENTE reúnense mañá no 16 de decembro no Pazo de Congresos
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O Concello de Pontevedra celebra mañá, martes 16 de decembro, as Xornadas Verdes RedeVerde, un encontro técnico e científico que reunirá a algúns dos principais especialistas en especies invasoras e restauración ecolóxica de España. A cita terá lugar no Pazo de Congresos entre as 9:15 e as 14:30 horas.
As xornadas abordarán dous dos retos fundamentais da renaturalización urbana: o control das especies exóticas invasoras —que ameazan a biodiversidade autóctona dos ecosistemas galegos— e as claves para lograr restauracións ecolóxicas eficaces e duradeiras. Ambos temas resultan especialmente relevantes para Pontevedra, onde o proxecto RedeVerde está a recuperar espazos naturais como a Xunqueira de Alba, o río Gafos e a marisma do Alba.
A primeira sesión da xornada centrarse na identificación, detección e extracción de especies invasoras. Yaiza R. Lueje, investigadora especializada en especies exóticas invasoras da Universidade da Coruña, ofrecerá unha visión xeral sobre a distribución e impacto destas especies nos ecosistemas galegos. Seguiraa Margarita Lema, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), quen afundará nos problemas específicos e retos da flora invasora en Galicia. Pechará esta primeira sesión Tamara Roig Figueroa, licenciada en Bioloxía e experta en educación ambiental do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que explicará os efectos negativos das especies invasoras e os mecanismos actuais para eliminalas.
Tras un descanso, a segunda sesión abordará as claves do éxito na renaturalización e restauración ecolóxica. Maitane Erdozain, investigadora do Grupo de Investigación en Ecosistemas Forestais Globais do Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), presentará casos de éxito e aprendizaxes do proxecto REFORADAPT, financiado pola Fundación Biodiversidade. Carlos Cabido, director do Departamento de Herpetoloxía da Sociedade de Ciencias Aranzadi e dos desafíos ecosociais Biarteko Mugi e Mikroklima, analizará como crear vínculos entre a cidadanía e a biodiversidade urbana a través do coñecemento e da terceira cultura. Finalmente, Marta Nosti, xefa do Servizo de Parques e Xardíns do Concello de Xixón, exporá a experiencia do proxecto XIXÓN ECORESILIENTE, que está a transformar o ecosistema urbano da cidade asturiana mediante unha restauración ecolóxica colaborativa e innovadora.
As especies exóticas invasoras representan unha das principais ameazas para a biodiversidade en Galicia. Plantas como a acacia, o plumeiro, o carpobrotus ou o xacinto de auga non só compiten cos ecosistemas autóctonos, senón que poden alterar completamente o funcionamento hidrolóxico dos ríos, degradar as marismas e despazar a flora e fauna nativas.
No contexto do proxecto RedeVerde, que contempla a recuperación de máis de 21.000 m2 de infraestrutura verde (incluíndo o desoterramiento progresivo do río Gafos e a restauración de hábitats na Xunqueira de Alba), o control previo destas especies invasoras convértese nunha prioridade técnica. Sen unha correcta identificación e eliminación das invasoras, calquera intervención de renaturalización corre o risco de fracasar a medio prazo.
A proliferación de proxectos de renaturalización urbana en España nas últimas décadas ofrece unha ampla casuística de intervencións exitosas, pero tamén de fracasos evitables. A segunda sesión das xornadas centrarse precisamente na análise crítica destes procesos: que actuacións funcionan, cales non e, sobre todo, por que.
Proxectos como REFORADAPT en Cataluña, as intervencións de Aranzadi no País Vasco ou a transformación urbana de Xixón ofrecen aprendizaxes valiosas que poden aplicarse ao contexto pontevedrés. A clave, segundo subliñan os expertos, está en basar as intervencións en evidencia científica, garantir o mantemento a longo prazo e implicar activamente á cidadanía no proceso.
Un proxecto financiado con fondos europeos
RedeVerde Pontevedra conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecológica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea a través de NextGenerationEU. A Universidade da Coruña participa no proxecto como entidade agregada, aportando rigor técnico e científico ás intervencións.
O proxecto busca reforzar a infraestrutura verde urbana de Pontevedra para mellorar a biodiversidade, incrementar a resiliencia fronte ao cambio climático e optimizar os servizos ecosistémicos de regulación, ao tempo que mellora a calidade de vida da cidadanía.