O Concello de Pontevedra presenta “Resonancias”, un ciclo que reúne a música e a saúde mental nun mesmo espazo de encontro

O evento piloto celebrarase este mércores, 17 de decembro ás 20.00 no Liceo Casino, coas actuacións de Merino e Eladio y los Seres Queridos e máis unha conversa íntima

A inscrición para o 17 de decembro está aberta no Apúntate da páxina web do Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra inicia esta semana o “Resonancias”, un novo ciclo cultural que tende pontes entre a música e a saúde mental mediante unha fórmula innovadora: concertos mensuais acompañados dun coloquio no que artistas e especialistas comparten experiencias arredor das emocións e do benestar persoal.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou o programa este mércores e explicou que a iniciativa nace como extensión do documental H.E.I. – Hacia el Espacio Interior que explora o poder terapéutico da música nun contexto no que a ansiedade e a depresión forman parte da vida cotiá de moitas persoas. Neste senso, engadiu que “este programa no que dende o Concello colaboramos coa produtora Borneo, fornece un espazo seguro e próximo para reflexionar sobre estas cuestións dende unha perspectiva accesible a todos os públicos”.

O evento piloto celebrarase o mércores 17 de decembro ás 20.00 no Liceo Casino con Merino e Eladio y los Seres Queridos. A apertura de portas será ás 19.30. Coa concelleira estivo o responsable da produtora, Roi Grandío, quen convidou á cidadanía a unirse a esta iniciativa pioneira.

Cada sesión estará dirixida pola locutora de Radio 3 e psicóloga Rosana Corbacho e participarán dous artistas que combinarán unha actuación e unha conversa arredor da creación, as emocións e as súas experiencias ligadas á música.

A inscrición para este mércores, 17 de decembro está aberta no Apúntate da páxina web do Concello de Pontevedra: https://apuntate.pontevedra.gal/resonancias/

Compartir publicación: