O Concello convoca á veciñanza para presentar a transformación integral de Rosalía de Castro e o novo acceso dende a avenida de Marín 

O concelleiro Xaquín Moreda, acompañado polo equipo redactor de OTIMA, explicará este xoves en asemblea aberta os detalles da reforma de Rosalía de Castro e a nova vía, actuacións clave para a integración urbana do barrio. 

O Concello de Pontevedra convoca a toda a veciñanza do barrio de Mollavao e á cidadanía a unha asemblea aberta para presentar polo miúdo o proxecto de transformación integral desta contorna. A xuntanza celebrarase este xoves, 18 de decembro, ás 20.00 horas, no salón de actos do Edificio da Xunta de Galicia en Campolongo.

O acto contará coa presenza do concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, quen estará acompañado por técnicos do gabinete OTIMA S.L., o estudo encargado da redacción do proxecto. O obxectivo é explicar de primeira man as características técnicas e as solucións adoptadas para as dúas actuacións que compoñen este plan unificado: a reurbanización da rúa Rosalía de Castro e a apertura da nova vía de conexión coa avenida de Marín.

Durante a asemblea, debullarase como estas dúas intervencións, funcionalmente interdependentes, cambiarán a fisionomía e a calidade de vida no barrio:

  1. Reforma de Rosalía de Castro (mellora da accesibilidade): A actuación abrangue o treito entre Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril. A rúa transformarase seguindo os estándares do Modelo Pontevedra, reducindo a calzada a un único carril de 3,30 metros en sentido saída da cidade. Isto permitirá ampliar as beirarrúas ata un ancho mínimo de 2 metros, chegando aos 3 metros na maior parte do percorrido. O proxecto inclúe a renovación integral de servizos e alumeado LED, así como a creación de dúas zonas de coexistencia con prioridade peonil: unha fronte á praza de Mollavao e outra diante do colexio Juan Sebastián.
  2. Nova vía de acceso (conexión Avda. Marín – Rosalía de Castro): Esta obra, que ocupará a coñecida como “parcela dos circos”, consiste nunha ligazón de aproximadamente 100 metros de lonxitude. A vía contará con dous carrís de 3,50 metros e beirarrúas de 3 metros, conectándose aos extremos mediante dúas glorietas para calmar o tráfico. Esta conexión é fundamental para desconxestionar Rosalía de Castro, desviando o tráfico de entrada cara á avenida de Marín.

O equipo de OTIMA e o concelleiro Moreda explicarán como este proxecto, que conta cun orzamento base de licitación total de máis de 3,7 millóns de euros, supón non só unha mellora estética, senón unha recuperación funcional do espazo público. A intervención permitirá rehabilitar unha zona actualmente degradada e usada como estacionamento indiscriminado, transformando unha antiga estrada interurbana nunha rúa urbana segura, con pasos de peóns sobreelevados e espazos de calidade para a convivencia veciñal.

Un proxecto desbloqueado e en fase de contratación

O proxecto, que conta con todos os informes sectoriais favorables, atópase actualmente na recta final da súa tramitación administrativa. Tras acadar a concesión de Costas para a ocupación dos terreos de dominio público marítimo-terrestre, a autorización de Adif pola proximidade á infraestrutura ferroviaria e a cesión da titularidade da antiga estrada por parte da Xunta de Galicia, a obra está xa en pleno proceso de licitación. De feito, o Concello xa recibiu ofertas de seis empresas interesadas en executar esta transformación integral, o que garante a viabilidade da actuación. Esta situación administrativa permite prever o inicio dos traballos en canto se formalice a adxudicación, dando cumprimento aos compromisos adquiridos no convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra.

Compartir publicación: