O organismo provincial achegará 300.000 euros para a celebración do evento cultural na cidade, ao tempo que ambas as dúas institucións confían en seguir realizando acordos deste tipo de cara ao futuro en citas que sexan beneficiosas para a Boa Vila
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Lugués, asinaron esta maña de luns, 15 de decembro, o protocolo de colaboración institucional destinado a apoiar a celebración d gala dos Premios Feroz na capital do Lérez. Trátase dun acordo presentado como como unha «nova mostra de colaboración institucional no fondo e nas formas», que procura situar a Pontevedra na élite dos mapas culturais.
O protocolo establece unha achega económica da Deputación de 300.000 euros, e, tal e como sinalou o presidente provincial, «non será a última colaboración» deste tipo entre a DEPO e o Concello «porque a colaboración ten que existir e tamén se ten que ver, e aquí cando falamos de traballar en prol da cidade, vamos todos a unha», explicou, engadindo que «temos moi claro que todo o que sexa beneficioso para a cidade de Pontevedra, a Deputación estará».
Pola súa banda, o rexedor incidiu na importancia cultural evidente dos Feroz, ao tratarse dun evento que supera calquera barreira xeográfica local ou autonómica, situándose como un auténtico exercicio de promoción da cidade, da economía e da cultura pontevedresa en todo o Estado, poñendo á Boa Vila como capital do audiovisual. «Cremos que é necesario, se non imprescindible, que a Deputación colabore neste tipo de eventos», indicou. «Este é o camiño, asinar convenios e protocolos nesta liña, e polo tanto, eu, animo ao presidente a que siga nesta camiño de cara ao futuro».
Ambos os dous líderes institucionais subliñaron o seu compromiso por seguir formalizando novos acordos que beneficien á cidade no futuro próximo.