O Concello revitaliza o parque Amalia Álvarez coa renovación do mobiliario urbano e a mellora das zonas verdes

O concelleiro Xaquín Moreda destaca que “coidar o espazo público onde a xente fai a súa vida diaria é tan relevante como as grandes infraestruturas”, tras completar tamén actuacións en Bos Aires, Pilar Bértola e Valdecorvos. 

A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos iniciou esta semana unha intervención integral no parque Amalia Álvarez, un espazo de lecer moi concorrido pola veciñanza do barrio. O obxectivo é reacondicionar a praza para garantir o confort e a boa imaxe deste punto de encontro, dando cumprimento ao compromiso adquirido polo concelleiro Xaquín Moreda cos residentes, que solicitaran melloras debido ao desgaste das instalacións.

A primeira fase dos traballos foi a substitución dos bancos. Aínda que a intención inicial do departamento municipal era restaurar o mobiliario existente, o avanzado estado de deterioro que presentaban fixo inviable a súa recuperación. En consecuencia, optouse pola instalación de novos elementos: colocáronse dous bancos prefabricados que pechan o parque cara a rúa Filgueira Valverde e unha vía peonil. Así mesmo, procederase a retirar o banco corrido de formigón que pechaba o espazo pola parte superior para substituílo por bancos de madeira, máis cálidos e confortables para o descanso.

A actuación non se limitará ao mobiliario. Nas vindeiras semanas, as brigadas acometerán a recuperación da xardinería e do céspede, que se atopaban en mal estado. O plan de traballo inclúe tamén a poda das árbores para sanear os exemplares e mellorar a luminosidade e seguridade do espazo.

O concelleiro Xaquín Moreda subliñou a relevancia de atender estas solicitudes cidadás. “Escoitar e dar resposta ás necesidades da veciñanza é a base do noso traballo; cando renovamos un parque como este, estamos a incidir directamente na calidade de vida e no desfrute do tempo libre das persoas”, afirmou o edil. Moreda engadiu que “o coidado destes detalles é o que proxecta unha imaxe de cidade ben mantida e amable”.

Un plan continuo de mellora urbana

Esta intervención en Amalia Álvarez súmase á intensa actividade de mantemento realizada nas últimas semanas en distintos puntos da cidade, reafirmando a prioridade política fixada a principios de mandato polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de ter ben mantidos os espazos para as persoas:

  • Avenida de Bos Aires e Camiño Vello de Castela: Recentemente realizáronse traballos de mellora na seguridade das sendas peonís. Na avenida de Bos Aires reparouse o pavimento entre a pasarela e a praia fluvial, mentres que no parque do Camiño Vello de Castela compactouse o firme con xabre para eliminar fochancas e garantir a accesibilidade.
  • Rúa Pilar Bértola: O barrio gañou un novo espazo público trala demolición dunha vivenda en ruínas que actuaba como tapón urbanístico. A zona foi acondicionada con asfaltado, novas prazas de estacionamento e a instalación dunha varanda de protección.
  • Valdecorvos: Mellorouse a conectividade peonil coa creación dunha senda de 75 metros que une a Praza das Regas coa rúa da Sequiña, facilitando o tránsito cara á rúa José Malvar mediante ramplas adaptadas,.

Con estas e outras actuacións, o Concello mantén a súa folla de ruta de priorizar as obras de proximidade que, sumadas unhas ás outras, transforman a cidade e o benestar colectivo.

Compartir publicación: