A intervención permitiu actuar nun tramo de 100 metros anticipándose ás obras previstas na ponte medieval.
O Concello de Pontevedra vén de finalizar un tramo de saneamento no núcleo urbano da parroquia de Ponte Sampaio, concretamente na vía que conecta a ponte medieval co cruzamento da estrada que se dirixe ao lugar de Acevedo. Esta actuación supuxo un investimento que rolda os 40.000 euros e tivo como obxectivo principal duplicar a tubaxe existente para separar as augas fecais das pluviais.
Grazas a esta intervención, as augas pluviais foron dirixidas cara á canle fluvial do río Verduxo. As obras abarcaron unha lonxitude aproximada de 100 metros, tramo no cal se instalou rede a ambos lados da estrada, na fronte das vivendas.
Desde o goberno local quíxose acometer esta mellora antes de que a administración autonómica inicie a intervención proxectada na ponte medieval de Ponte Sampaio. A obra darase por totalmente rematada co asfaltado do tramo aberto, unha tarefa que se executará en canto a climatoloxía o permita.