O Concello inicia a poda de 561 árbores en 30 rúas para mellorar a saúde dos exemplares e garantir a seguridade e a calidade de vida da veciñanza 

Os traballos que xa comezaron coa poda dos ficus da rúa Estrada, continuarán até a primavera por todos os barrios da cidade.

Hoxe está prevista a tala das ameixeiras da rúa Virxinia Pereira porque causan molestias e inseguridade á veciñanza cando o froito cae ao chan no verán e atraen ás abellas. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, dirixida por Xaquín Moreda, encargada do mantemento dos espazos verdes, iniciou hai unha semanas pola rúa Estrada a campaña de podas de inverno 2025-2026 que rematará sobre o mes de marzo. O plan prevé a intervención sobre 561 exemplares distribuídos por toda a cidade, incluíndo podas de formación, limpeza e, en casos estritamente necesarios por seguridade, talas e posteriores substitucións. O obxectivo é realizar unha xestión do arborado que respecte a bioloxía das plantas ao tempo que garante a convivencia coa veciñanza.

O cronograma abrangue as seguintes zonas e rúas da cidade:

  • Rúa dos Soutos: 3 palmeiras canarias.
  • Rúa Joaquín Costa-Estrada: 32 ficus (podados)
  • A Seca: 3 exemplares (varios).
  • Os Praceres: 1 ficus.
  • Avenida de Marín: 10 tilos.
  • Campolongo: 6 carballos.
  • Parque Rúa as Devesas: 36 exemplares (varios).
  • Paseo de Valle Inclán: 6 exemplares (varios).
  • Xunqueira de Alba (Camiño de Santiago): 2 salix.
  • Fontesanta: 6 exemplares (varios).
  • Avenida de Bos Aires (nº 100): 6 plátanos.
  • Santa Teresa de Jesús Jornet: 5 exemplares (varios).
  • Rúa Pardo de Cela: 1 ulmus.
  • Avenida das Corvaceiras (nº 56): 2 liquidambar.
  • Avenida de Eduardo Pondal (Vialia): 7 melias.
  • Manuel Vidal Portela – Pavillón Universitario: 1 plátano.
  • Rúa Eduardo Pondal: 20 camelias.
  • Rúa María Victoria Moreno: 25 camelias.
  • Cidade de Pedra: 50 ligustrum.
  • Rúa Ramón Otero Pedraio: 20 exemplares (robinias e ligustrum).
  • Parque do Cogomelo: 14 exemplares (varios).
  • Praza da Constitución: 23 exemplares (varios).
  • Avenida de Corvaceiras – Paseo: 21 exemplares (varios).
  • Avenida de Uruguai – Paseo: 22 exemplares (varios).
  • Xunqueira de Alba: 35 exemplares (varios).
  • Illa das Esculturas: 18 exemplares (varios).
  • Marxe esquerda do río Lérez: 98 plátanos.
  • Avenida de Compostela – Banco Iluminado: 28 exemplares (varios).
  • Rúa Celso Emilio Ferreiro: 52 ligustrum.
  • CEIP Cabanas: 5 exemplares (varios).
  • CEIP A Xunqueira II: 8 exemplares (varios).
  • CEIP San Martiño: 15 exemplares (varios).

O concelleiro Xaquín Moreda explicou que estas intervencións responden a criterios técnicos de arboricultura e necesidades cidadás. «É unha actuación periódica e necesaria por diversos motivos como a seguridade para as persoas, por posíbeis ramas que poidan desprenderse, e a mesma saúde das distintas árbores e especies», sinalou o edil.

Ademais da seguridade, búscase mellorar a calidade de vida nas vivendas. Segundo Moreda, os traballos serven «para redirixir a orientación das ramas, separándoas das fachadas e das fiestras dos edificios». Deste xeito, evítase que as árbores invadan as fiestras e, en moitos casos, permítese a entrada de luz nas casas durante o inverno, especialmente en rúas onde o crecemento descontrolado tapaba a luminosidade.

O Concello lembra que non se realizan podas agresivas tipo “desmoche”, xa que provocan feridas e a entrada de patóxenos, optando sempre por podas de formación, control ou seguridade para alongar a vida do exemplar.

Ademais, por motivos de seguridade e sanidade, o plan contempla a tala ou retirada de 37 exemplares. Todas elas serán substituídas por árbores máis acaídas para o espazo urbano a principios da primavera. As primeiras talas comezan hoxe mesmo en Virxinia Pereira Renda coa retirada de 21 ameixeiras porque son árbores con froito que causan molestias á veciñanza no verán cando a ameixa cae ao chan e atraen á moitas abellas (incluídas velutinas). Outras talas serán:

  • 16 castiñeiros no colexio Xeve. Foi unha plantación realizada no seu día polo centro de ensino que solicitou ao Concello a súa retirada.
  • 7 Ficus en Pintor Laxeiro. Forma do programa de retirada de ficus plantados nas rúas da cidade, especialmente no barrio leste. Trátase dunha árbore de gran porte (como se pode comprobar na rúa Estrada, por exemplo) que supón moitos problemas urbanos ao carecer de espazo para que crezan. Teñen copas moi mestas e amplas que impiden abrir fiestras dos pisos máis baixos dos edificios e levantan beirarrúas co sistema radicular. En anos anteriores o Concello xa retitou os ficus de Salgueiriños, Rafael Dieste, Rodríguez Seoane, Losada Diéguez que substituiu por magnolias de flor, máis acaídas para as rúas urbanas.
  • 1 Liquidambar na Avda. da Coruña. Trátase dun exemplar situado ao principio da avenida que crece invadindo a fachada do novo edificio que se está a construir nesa localización e levantando a beirarrúa.

Un traballo continuo de mellora do espazo público (2024-2025)

Esta campaña súmase ao esforzo sostido realizado pola Concellaría nos últimos anos para garantir un arborado san e seguro. Nestes dous últimos anos fixéronse:

  • Podas de palmeiras e loita contra o picudo: En campañas anteriores, como a de 2024, realizáronse podas en máis de 70 palmeiras en zonas como Gutiérrez Mellado e Sagasta. Ademais, trasladouse a poda desta especie ao inverno —como se fai agora nos Xardíns de Vicenti— para evitar a atracción da praga do picudo vermello (Rhynchoporus ferrugineus), que é máis activo en épocas cálidas.
  • Renovación e plantacións: Na primavera de 2025, o Concello plantou máis de 100 árbores en 18 rúas para ocupar escavas baleiras e substituír exemplares enfermos ou inadecuados. Un exemplo destacado foi a substitución de grandes Ficus en rúas como Rodríguez Seoane por Magnolias Kobus.
  • Seguridade en colexios e parques: Durante 2024 tamén se realizaron intensas labores de poda en centros educativos como o CEIP A Xunqueira II ou o CEIP Xeve, así como na Praza de Galicia, priorizando sempre a seguridade do tránsito peonil e escolar.

«Aínda que estes traballos poidan causar certas molestias puntuais, son accións que melloran substancialmente a calidade dos espazos públicos de Pontevedra», concluíu Moreda.

Compartir publicación: