O Concello recibe seis ofertas para a actuación conxunta, que conta cun orzamento de licitación de 3,7 millóns de euros e transformará o acceso oeste á cidade integrando a fachada marítima.
O proceso de licitación para a transformación integral do barrio de Mollavao dá un paso definitivo coa recepción das propostas das compañías que optan a este agardado concurso público. Un total de seis empresas presentaron as súas ofertas para executar o proxecto unificado de construción que abrangue a reurbanización da rúa Rosalía de Castro e a apertura da nova vía de conexión coa avenida de Marín.
As firmas que se presentaron á licitación son: Civis Global S.L.U., Construcciones E.C. Casas S.L., Construcciones Fechi S.L.U.-Moncosa OHS S.A., Construcciones Obras y Viales S.A. (COVSA), Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa S.L., e Narom S.L.
Esta elevada concorrencia avala un proxecto de gran envergadura para a cidade. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou en reiteradas ocasións súa satisfacción pola reactivación definitiva dunha obra na que, segundo as súas palabras, tiña un “persoal e especial interese en sacar adiante”. O rexedor cualificou o avance do proceso como unha “alegría grande”, lembrando que a tramitación superou “moitísimos anos” de xestións e “todas as vicisitudes negativas habidas e por haber”.
Cabe lembrar que a intervención nace da necesidade de coordinar dúas actuacións que, aínda que distintas, son funcionalmente interdependentes. A orixe sitúase na colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, formalizada nun convenio para a execución da nova vía, a cesión da titularidade do treito urbano da PO-546 (estrada vella de Marín) por parte da Xunta de Galicia, e a autorización de Costas para executar a nova vía en terreos de Mollavao.
A unificación nun só contrato xustifícase porque a reconfiguración de Rosalía de Castro, que pasará a ter un único carril de saída, obriga a desviar previamente o tráfico de entrada á cidade cara á avenida de Marín (PO-12) a través do novo enlace.
Unha transformación integral
A actuación divídese en dúas partes diferenciadas:
- Nova vía de conexión (avenida de Marín – Rosalía de Castro): Construirase unha ligazón transversal de aproximadamente 100 metros de lonxitude sobre a coñecida como “parcela dos circos”. A vía contará con dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un e beirarrúas de 3 metros de ancho. A seguridade viaria reforzarase mediante dúas glorietas: unha na intersección coa avenida de Marín (17 metros de radio exterior) e outra en Rosalía de Castro (14 metros de radio exterior).
- Mellora de accesibilidade en Rosalía de Castro: O tramo comprendido entre Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril transformarase seguindo os estándares do Modelo Pontevedra. A calzada reducirase a un único carril de 3,30 metros en sentido saída, o que permitirá ampliar as beirarrúas ata acadar un ancho mínimo de 2 metros, chegando aos 3 metros na maior parte do percorrido. A actuación inclúe a renovación integral de servizos (abastecemento, saneamento, alumeado) e a creación de dúas zonas de coexistencia con prioridade peonil: fronte á Praza de Mollavao e diante do colexio Salvador Moreno.
Investimento global
O orzamento de licitación de 3.726.621,23 euros, distribuído do seguinte xeito:
- Nova vía de conexión: 1.279.762,39 euros.
- Reurbanización de Rosalía de Castro: 2.446.858,84 euros.