Tres encontros culturais afondarán no diálogo entre a literatura e o cinema a través das figuras de Enrique Barreiro, Raquel Piñeiro e Diego Moldes.
Trala intensa actividade de novembro e a proxección das películas “Romería” e “Los domingos” candidatas aos Premios Feroz, a programación vinculada a esta celebración continúa en decembro cunha nova proposta cultural: o ciclo ‘Palabra de Cine! Literatura e cinema en diálogo’. Esta iniciativa busca ofrecer unha ollada máis ampla e repousada sobre a sétima arte, indo máis alá da pantalla para reflexionar a través dos libros e a palabra escrita.
O ciclo desenvolverase na sede da Fundación Manuel Moldes (Rúa Javier Puig, 3) os días 12, 16 e 23 de decembro. O espazo non foi escollido ao azar: os asistentes poderán gozar da exposición Bicos de cine, unha homenaxe pictórica que o artista pontevedrés Manuel Moldes creou en 1992. Esta serie, recuperada agora aproveitando o latexo cinematográfico da cidade, captura a “sacudida emocional” e o “misterio” do bico na gran pantalla, amosando unha faceta moi descoñecida do pintor onde conflúen a expresividade do corpo e a iconografía pontevedresa.
A condución do ciclo correrá a cargo do xornalista cultural Ramón Rozas, licenciado en Historia da Arte, é xornalista, crítico de arte e escritor. Rozas guiará as conversas que percorrerán dende as orixes tecnolóxicas do cinema en Galicia ata a análise das series actuais e a ensaística cinematográfica.
Programación detallada e participantes
Venres 12 de decembro, 19:00 h | As Orixes: Enrique Barreiro
A primeira sesión estará dedicada á recuperación da memoria histórica coa presentación de ‘Enrique Barreiro. As orixes do cinema en cor’.
- A obra: O libro revisa a figura de Enrique Barreiro, cineasta fundamental e inventor do Yuxtacolor, un audaz procedemento de rodaxe en cor empregado xa en 1925 no filme Pontevedra, cuna de Colón. Esta nova edición, máis visual e didáctica, reivindica o seu apaixoante labor pioneiro e a fundación da produtora Folk en 1931.
- Participantes:
- Carlos Aurelio López Piñeiro: Autor do libro. É doutor pola Universidade de Vigo cunha tese sobre o relato fílmico. Pioneiro do audiovisual galego, conta cunha ampla traxectoria como guionista, produtor, director, investigador e docente.
- Taller Abierto: Colectivo formado polas arquitectas Ana Barreiro e África Martínez, que dende 2013 desenvolven proxectos culturais e expositivos baseados na innovación e a participación cidadá.
Martes 16 de decembro, 19:00 h | A Realidade na Ficción: Raquel Piñeiro
A xornada centrarase en como o territorio e a historia se reflicten (ou inventan) no audiovisual coa obra ‘Un país en la pantalla. España a través del cine y las series’.
- A obra: A autora propón un percorrido por Galicia e Pontevedra a través das rodaxes, analizando a evolución do territorio, o cine rural, a chegada de Hollywood, o cinema popular do franquismo ou as series da Transición. Unha análise de como a ficción escolle onde pousar a cámara para narrar a transformación dun país.
- A autora: Raquel Piñeiro Portela é xornalista e escritora. Especializada en cultura, cine e gastronomía, ten publicado en cabeceiras de prestixio como Vanity Fair, El País, Condé Nast Traveler ou Elle.
Martes 23 de decembro, 19:00 h | Conversa Cinéfila: Diego Moldes
O ciclo pecharase cun diálogo titulado ‘Conversa sobre cine, libros e Pontevedra, vila de cine’, xusto antes da publicación da nova obra do autor convidado.
- O encontro: Un diálogo entre Diego Moldes e Ramón Rozas sobre a confluencia do cinema, a literatura e a cidade de Pontevedra, destacando a sensibilidade cinéfila da vila dende a época muda ata a actualidade. Servirá de preámbulo á presentación do próximo libro de Moldes, Más grande que la vida. Escritos sobre cine 2000-2025, unha “enciclopedia” que traza un canon fílmico do século XXI.
- O autor: Diego Moldes é escritor, historiador de cinema e doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense. Autor de 15 libros publicados en España e Estados Unidos, é un experto recoñecido en figuras como Polanski ou Jodorowsky.
Todas as sesións son de acceso libre ata completar cabida.