Anabel Gulías: “Queremos que os veciños e veciñas teñan unha escusa para non quedar na casa, saír e relacionarse e pasalo ben”.
A xuntanza forma parte do novo programa Cartas no Rural que no 2026 traerá o II Campionato de Cartas Cidade de Pontevedra.
Compartir o tempo con amizades e coñecer nova xente, pasalo ben e un pouquiño de rivalidade. Con estes vimbios tece a Concellería de Benestar Social -con Risotadas-Risoterapia na organización- a xuntanza Xogar por Xogar, un encontro para amosar as destrezas e habilidades dos/das participantes en distintos xogos de baralla e gozar en boa compañía.
O encontro terá lugar no Pazo da Cultura, os días 20 e 21 de decembro (sábado e domingo). Malia ser de balde, para participar hai que inscribirse: cubrindo o formulario de apuntate.pontevedra.gal, ou no teléfono651 720 350, ou ben no mesmo Pazo, media hora antes do inicio dos xogos.
As persoas interesadas poden elixir entre os seguintes xogos:
- Sábado 20 de decembro, de 17.00 a 20.30 horas: brisca, escoba e tute (parellas)
- Domingo 21 de decembro, de 11.00 a 13.30 horas: chinchón e cinquiño (individuais)
A actividade vai dirixida principalmente ás persoas maiores de 60 años, de todas as parroquias, onde as veciñanzas atoparán información nos centros sociais, aínda que tamén está aberta á poboación urbana.
A xuntanza Xogar por Xogar forma parte dun proxecto máis amplo, que terá continuidade no 2026: Cartas no Rural, co que a área de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, pretende contribuír a dinamizar a vida social das parroquias, estimular as relacións interpersonais, estreitar lazos de amizade e veciñanza e profundar no sentimento de pertenza a unha comunidade.
“Queremos que os veciños e veciñas teñan unha escusa para non quedar na casa, saír e relacionarse e pasalo ben”, resume a concelleira Anabel Gulías, quen lembra a boa resposta.
Xogar por xogar é un primeiro paso para quentar motores cara a celebración do II Campionato de Cartas de Pontevedra. Ata entón promoverase o xogo de naipes, sempre con carácter lúdico, nas distintas parroquias.
A primeira edición da competición sumou, o pasado ano, 139 xogadoras e xogadores, dunha ducia de parroquias e barrios da capital do Lérez: Bora, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Centro Sur, Mourente-Cons, Monte Porreiro, A Parda, Tomeza Salcedo, Cerponzóns e Canicouva. Dos participantes: 79 foron mulleres (o 56,8%) e 60 homes (43,1).