A concelleira de Servizos urbanos básicos tamén realiza obras de mellora nos camiños do parque do Camiño vello de Castela que estaban en mal estado.
Xaquín Moreda reivindica a importancia destas “pequenas obras” para o día a día da veciñanza tras completar tamén actuacións en Pilar Bértola, Valdecorvos e outros barrios da cidade
A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos, dirixida por Xaquín Moreda, continúa co seu plan de rexeneración e mantemento dos espazos públicos da cidade, centrando os seus últimos esforzos na mellora da accesibilidade e seguridade do paseo do río na avenida de Bos Aires e no parque do Camiño Vello de Castela.
Na avenida de Bos Aires, a actuación céntrase no parcheo do pavimento da senda peonil, especificamente no tramo comprendido entre a pasarela e a praia fluvial. Trátase dunha intervención moi necesaria, xa que existían “panos pequenos que estaban en mal estado e dificultaban o paseo e o uso por parte da veciñanza”, explicou o concelleiro. Este espazo ten unha relevancia especial para a cidade, sendo unha zona moi empregada a diario por persoas que fan deporte ou pasean e, especialmente na tempada de verán, convértese nun lugar de lecer fundamental á beira do río Lérez.
Paralelamente, a Concellaría tamén está a traballar na reparación dos camiños peonís que atravesan o parque do Camiño Vello de Castela. Os traballos consisten en compactar con xabre toda a senda, que presentaba “furados debido ao paso do tempo” e atopábase en mal estado, impedindo o correcto uso e a accesibilidade nesta zona verde.
O responsable do mantemento urbano, Xaquín Moreda, quixo reivindicar o impacto positivo destas intervencións na vida diaria, fuxindo da idea de que son actuacións menores. “O mantemento constante é a chave para unha cidade amable; reparar unha senda ou acondicionar unha beirarrúa ten un retorno inmediato no benestar colectivo e na calidade de vida urbana”, manifestou Moreda, reformulando a visión que poden ter estas actuacións. O edil engadiu que a prioridade do seu departamento é “eliminar calquera barreira física para asegurar que calquera persoa, independentemente da súa mobilidade, poida transitar con seguridade e confort pola súa contorna inmediata”.
Outras intervencións nos barrios
Estas melloras nas sendas súmanse a outras actuacións xa concluídas recentemente que transformaron puntos concretos dos barrios pontevedreses:
- Rúa Pilar Bértola: A veciñanza xa goza do espazo gañado tras a demolición dunha vivenda deshabitada que actuaba como “tapón urbanístico”. Tras o derrube, completouse o asfaltado, regularizáronse as cotas coa Praza de Cornelis de Holanda e creáronse novas prazas de estacionamento, ademais de instalar unha varanda de protección.
- Valdecorvos: Quedou operativa a nova conexión peonil entre a Praza das Regas e a rúa da Sequiña. Trátase dunha senda de 75 metros que inclúe unha rampla adaptada, facilitando o acceso a pé cara á rúa José Malvar e mellorando a permeabilidade do barrio.
- Arborado e beirarrúas: Tamén se deron por finalizados os traballos de humanización na rúa María Victoria Moreno, coa construción dun novo treito de beirarrúa, e completouse a plantación de árbores nesta vía e na avenida da Estación, respectando a época axeitada para garantir o arraigamento das especies.
Con este conxunto de obras, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora continua do espazo público, atendendo á demanda da veciñanza.