O Concello activa o despregamento dos 498 novos colectores de vidro a vindeira semana en todo o termo municipal 

O colector verde, para a fracción vidro, comeza a súa instalación na noite do martes seguindo as mesmas rutas establecidas para o papel e os envases.

A Concellaría xa comezou a traballar no servizo de recollida de residuos “a medida” para o comercio local co obxectivo de maximizar a reciclaxe e mellorar a imaxe urbana 

O Concello de Pontevedra segue a executar a folla de ruta do novo contrato de residuos co inicio do despregamento dos 498 novos colectores verdes destinados á recollida de vidro. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda supervisou esta semana a montaxe das primeiras unidades na nave que a empresa concesionaria do servizo, PreZero, ten na parroquia de Lérez. Cos novos colectores, cunha fisionomía similar ao novo colector amarelo, desaparecerán os iglús das rúas e das vías do rural.

A colocación dos novos colectores de vidro (verde) comezará seguindo o procedemento xa establecido e exitoso coa fracción de papel e cartón (azul) e coa de envases lixeiros (amarelo). O despregamento iniciarase no centro urbano, en rúas como San Mauro, Loureiro Crespo ou a avenida de Lugo, para despois estenderse de maneira progresiva a toda a cidade e ás quince parroquias, garantindo a cobertura total do territorio.

Cómpre lembrar que a substitución está a ser sistemática, co obxectivo de instalar unha fracción completa antes de iniciar a seguinte. Aínda que a Concellaría tiña previsto despregar a fracción resto (que será de cor gris), motivos de produción e loxísticos decidiron que fose a fracción vidro a que se inicie neste momento, logo de que esta mesma semana se rematase a instalación da totalidade dos 498 colectores amarelos (envases lixeiros) nos últimos lugares do rural.

O concelleiro Xaquín Moreda subliñou que o Goberno local avanza coa implementación do contrato que supón “un salto adiante importantísimo” na xestión de residuos. “Continuamos co desenvolvemento do noso contrato e empézase a ver un antes e un despois en Pontevedra”, indicou. Tamén volveu a destacar a “fundamental a colaboración da veciñanza” xa que cada acción de reciclaxe “achegaranos a unha cidade máis limpa e sostible”.

Traballo de campo no comercio

Ao tempo que o Concello desprega a contenerización de recollida doméstica, a Concellaría de Servizos urbanos básicos, a través do contrato de xestión da empresa concesionaria, Prezero, iniciou a recollida de información comercial visitando establecemento por establecemento dende o Centro Histórico a toda zona urbana para coñecer o tipo de residuo que xeran. Xa se contactou con arredor de 150 locais para realizar un diagnóstico preciso das súas necesidades.

Xaquín Moreda salienta a importancia crucial desta fase de recollida de datos: “estamos a realizar un traballo inxente, visitando cada negocio para coñecer de primeira man que xeran e canto xeran. É información necesaria e imprescindible para realizar un traballo axustado e de calidade”.

Este “censo de residuos comerciais” funciona como un estudo personalizado para determinar se un local debe considerarse usuario domiciliario ou se require dotación comercial específica. Por exemplo, analízase se xeran máis de 250 gramos diarios de orgánica ou máis de 100 gramos de cartón, para así dimensionar correctamente os cubos e as frecuencias de paso. “Non se trata de poñer cubos por poñer; estamos a facer un traxe a medida para que o servizo sexa eficiente e responda á realidade de cada actividade económica”, engade o concelleiro.

Cabe lembrar que o novo contrato introduce cambios significativos na operativa, especialmente no Centro Histórico. Aquí, a recollida comercial será integralmente “porta a porta” para as cinco fraccións (resto, orgánica, envases, cartón e vidro), eliminando os colectores da vía pública (serán substituídos por illas emerxentes só para uso domiciliario) e utilizando vehículos de pequenas dimensións adaptados á trama urbana. Na zona urbana, o sistema tamén se reforza con recollidas comerciais específicas (orgánica, papel/cartón e envases) e vehículos de maior capacidade.

Os primeiros datos, aínda sen analizar polo miúdo, revelan a necesidade da recollida de vidro en restauración (especialmente cafeterías) ou de papel/cartón no comercio de moda (calzado, roupa…), pero esta información irase completando nas vindeiras semanas para activar plenamente os novos servizos de recollida selectiva. Polo de agora, continúase coa recollida comercial porta a porta de papel/cartón que tiña establecido o anterior contrato.

“O obxectivo é claro: separar, separar e separar, tamén no comercio”, subliñou Xaquín Moreda, quen reforza que “este esforzo colectivo faranos unha sociedade máis responsable co ambiente”, ao tempo que se optimiza a recuperación de materiais valorizables como a materia orgánica. “Este novo modelo non só é máis sostible, senón que redundará na mellora da imaxe e da calidade urbana de Pontevedra”, concluíu Moreda.

Repaso ás accións na xestión dos residuos

A instalación dos colectores de vidro e a posta en marcha do estudo de campo para a recollida selectiva comercial, enmárcase nunha serie de melloras integrais na xestión de residuos impulsadas polo Concello, aliñadas coa campaña municipal “Responsábeis”:

  1. Estado da contenerización:
    • Colectores azuis (papel e cartón): Os 498 colectores xa están totalmente despregados na rúa.
    • Colectores amarelos (envases lixeiros): Rematada a súa instalación dos 498 colectores.
    • Colectores verdes (vidro): Inicio na noite do martes, 9 de decembro.
  2. Recollida de aceite doméstico usado: Xa está implementado en todas as parroquias, no Mercado de Abastos e en oito puntos da área urbana nos barrios sur e leste, ademais de Monte Porreiro e Médico Ballina. A recollida está xestionada pola cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, para transformar o aceite recollido en biodiésel.
  3. Desenvolvemento da compostaxe: O Concello avanza no modelo de compostaxe comunitaria para incrementar os centros existentes de 31 a 100. Xa se anunciaron 12 novas localizacións para centros comunitarios en barrios como Tafisa, Valdecorvos, Mollavao e Ponte Muíños. Así mesmo, a compostaxe individual pasa a ser obrigatoria no rural, cunha implementación progresiva e informativa.
  4. Limpeza viaria e maquinaria: Púxose en marcha a primeira remesa da nova frota de maquinaria de última xeración de limpeza viaria. Ademais, seguen as limpezas integrais en distintos barrios da cidade, garantindo a hixiene e o coidado do espazo público.
  5. Campañas de sensibilización: Iniciouse unha campaña informativa (carteis e folletos) co fin de que a veciñanza coñeza esta etapa “máis eficiente, moderna e sostible” na xestión dos residuos, promovendo a separación como clave para transformar o residuo en recursos.

Compartir publicación: