O Outono de Jazz regresa a Pontevedra esta fin de semana co mellor jazz do país durante decembro

Pablo Patiño Cuarteto ‘Quoma’, Xurxo Estévez Trío, Sunil López Trío ‘Smoke gets in your eyes’ e Gloria Pavía & Rafa Morales serán os grupos escollidos para dinamizar a cidade e sorprender aos/ás viandantes

Os concertos terán lugar os días 6,7 ,13 e 14 de decembro ás 12h. na Praza da Peregrina.

No caso de choiva o emprazamento mudará ao palco da música da Alameda.

A concelleira Anabel Gulías presentou esta mañá acompañada de Luis Carballo do Seminario Permanente de Jazz unha nova edición do Outono de Jazz, que achegará a música á rúa durante o mes de decembro.

Logo de agradecer ao Concello a súa implicación para levar a cabo proxectos coma este e antes de debullar o programa, Luis Carballo salientou que “aínda que o ano pasado presentamos o ciclo como Sons de Outono, este ano que celebramos o 25 aniversario e traemos un programa con máis peso do Jazz, recuperamos o nome orixinal de Outono de Jazz”.

Outono de jazz 2025

Sábado 6 de decembro – Pablo Patiño Cuarteto ‘Quoma’

A música de Pablo Patiño caracterízase pola súa firme postura sobre a arte, a historia e os temas contemporáneos, fusionando influencias tradicionais cunha visión innovadora e vangardista. A súa dedicación e talento convertérono nunha figura destacada na escena internacional do jazz, consolidando o seu legado como un dos músicos máis influentes da súa xeración.

Pablo Patiño Moledo (Vilagarcía, 1993) é un destacado contrabaixista e compositor galego. A súa formación musical tivo lugar en conservatorios de Galicia e Portugal, o que o puxo en contacto coa escena do jazz europeo, da que participa activamente. Comezou a súa andaina musical coa guitarra clásica, pasando ao contrabaixo mentres se licenciaba en Belas Artes.

Na actualidade, é recoñecido como un dos contrabaixistas máis activos da Península Ibérica, colaborando con artistas destacados das escenas do jazz español e portugués. Malia a súa relativa xuventude, xa acadou un éxito considerable.

Pablo Hernández (saxo alto), Javier Gdejazz (trompeta), Pablo Patiño (contrabaixo), Esteban Lavigne (batería).

Domingo 7 de decembro – Xurxo Estévez Trío

Xurxo Estévez, contrabaixista de Cotobade, chega a Pontevedra acompañado do guitarrista vigués Guillermo Guerrero e o batería ponteareano Miguel Fernández cun concerto de jazz dinámico, potente e moi divertido, que fará mover os pés. Non será a primeira visita á cidade, xa que pasaron polos escenarios do SoulBeer ou Nasantiña.

Dentro do repertorio atoparemos tanto temas clásicos da tradición jazzística como blues, temas modernos e composicións orixinais, ofrecendo así un amplo abano de cores e sons, pero sempre mantendo un pé no jazz tradicional

Xurxo Estevez (contrabaixo), Guillermo Guerrero (guitarra), Miguel Fernández (batería)

Sábado 13 de decembro – Sunil López Trío ‘Smoke gets in your eyes’

Sunil López é un dos novos valores do jazz nacional. O pianista e compositor vigués fórmase en varias escolas como o SPJ, o CEMU Estudio e o Jazzcampus de Basilea (Suíza) da man de profesores como Brad Mehldau, William Evans, Lionel Loueke, Aydin Esen, entre outros.

En febreiro de 2025 sae á luz o seu primeiro traballo discográfico a trío como líder, Smoke gets in your eyes, gravado en 2023 e editado no selo barcelonés Fresh Sound New Talent. Neste álbum presenta composicións orixinais, que se caracterizan polo lirismo e a sensibilidade melódica. Podería definirse o seu son como jazz moderno, pero que se deixa permear por influencias máis antigas do xénero e por artistas doutros estilos.

O pianista vén de presentar o seu primeiro álbum do que amosará algunhas cancións, pero tamén escoitaremos parte do material inédito no que está a traballar.

Sunil López (piano), Alex Touceda (contrabaixo), Chus Pazos (batería).

Domingo 14 de decembro – Gloria Pavía e Rafa Morales

Cunha linguaxe propia, o dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales, achega un repertorio formado principalmente por temas orixinais, arranxados para voz e baixo eléctrico. Unha mestura que xera un diálogo entre os instrumentos e alterna o íntimo e o intenso grazas ao xogo de timbres e ás diferenzas creativas de cada un.

Gloria Pavía (voz) e Rafa Morales (baixo eléctrico).

Compartir publicación: