O Concello de Pontevedra participa un ano máis en Culturgal cun stand propio que funcionará como unha antesala e presentación temática do Salón do Libro 2026, reforzando o compromiso municipal coa literatura, a oralidade e a creación cultural en galego dirixida á infancia e ás familias. Durante toda a fin de semana, o espazo ofrecerá unha programación continua con algunhas das voces máis destacadas da narración oral e da música infantil do país.
A mascota Orbil, icona do Salón do Libro, será unha das grandes protagonistas, realizando varias aparicións ao longo dos tres días e converténdose nun dos principais reclamos para o público familiar.
Un programa co mellor da creación infantil en galego
A programación do stand reúne artistas referenciais no ámbito da narración oral e da música infantil en lingua galega, cunha selección pensada para atraer público familiar, promover a lectura e reforzar a presenza da cultura galega no festival.
Venres 28 de novembro
- 12:00h – Visita de Orbil
- 17:00h – Contos nas verzas con narración oral e música para crianzas
Sábado 29 de novembro
- 12:00h – Contos Dakí con Bea Campos
- 17:00h – Contos con miga con Carlos Yus, de Migallas
Domingo 30 de novembro
- 12:00h – Música familiar con Pakolas
- 13:00h – Visita de Orbil
- 17:30h – Música familiar con Paco Nogueiras
- 18:00h – Visita de Orbil
Un adianto do espírito do Salón do Libro 2026
Esta presenza en Culturgal funciona como prólogo da edición 2026 do Salón do Libro, que volverá colocar no centro a lectura, a creatividade e a cultura infantil. O stand serve como punto de encontro, espazo de dinamización e escaparate do labor cultural que Pontevedra desenvolve ao longo de todo o ano.
A edición número 27 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará entre os días 6 e 22 de marzo de 2026, contará con Palestina como país invitado e centrará a súa temática na relación entre a literatura e a música.
O Concello de Pontevedra convida a todas as familias a achegarse ao stand durante a fin de semana para desfrutar dunha programación pensada para fomentar o gusto pola lectura, a imaxinación e o uso da lingua galega dende as primeiras idades.