O Concello inicia a reforma integral do parque infantil da Ribeira dos Peiraos, no Gafos 

O Concello de Pontevedra avanza na execución das obras de mellora integral no parque infantil de xogos de Ribeira dos Peiraos pechado dende hai dúas semanas. Esta actuación enmárcase na liña de traballo iniciada polo concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, a principios do mandato de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos parques infantís municipais.

A obra en Ribeira dos Peiraos que ten un custe de 39.585,15 € (IVE incluído), responde á necesidade de renovación e posta ao día. Os traballos contemplan a retirada do valado vello para a súa substitución por un novo peche de madeira con tratamento en autoclave e a limpeza da superficie vexetal coa creación dun novo pavimento de xabre. Ademais, levouse a cabo a retirada do pavimento de caucho deteriorado, que será substituído por un pavimento de seguridade SBR amortecedor conforme á normativa UNE.

No que se refire aos elementos de xogo, retiráronse os antigos para instalar dous novos pórticos de randeeiras (con bambán cesta, normal e para bebés), xunto cun novo xogo de conxunto de alta calidade con escaleira, tobogán e varias funcións de xogo en madeira. Tamén se instalou un resorte balancín para catro usuarios e un resorte individual. Os pavimentos de seguridade estarán cubertos con céspede artificial de alta calidade, e o proxecto inclúe a construción de novas soleiras de formigón e zapatas, ademais da substitución do cartel informativo do parque.

Trátase, en definitiva, de accións que permiten que quede certificado coas máis esixentes normativas de seguridade establecidas.

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, responsable desta área, subliñou que “a nosa obriga como Goberno é velar pola seguridade e a calidade dos espazos públicos destinados á infancia. A intervención integral na Ribeira dos Peiraos, que garante a certificación do espazo, é un exemplo de como estamos a priorizar a corrección das deficiencias, asegurando que todos os elementos —desde o valado ata o xogo— se axusten aos máis altos estándares de seguridade e hixiene”.

Compartir publicación: