Cada “cómplice” recibirá unha carta aos Reis Magos do rapaz/rapaza asignada e toda a información precisa, a través do WhatsApp para axilizar o proceso
Grazas aos “cómplices” no pasado Nadal 440 rapazas e rapaces de ata 14 anos recibiron un regalo na noite de Reis
A Concellería de Benestar Social que xestióna Anabel Gulías promove, un ano máis, a campaña (en)Volve co obxectivo de que ningún neno ou nena de ata 14 anos de Pontevedra en situación ou en risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal.
Ao poñer de novo en marcha esta iniciativa, fai un chamamento á colaboración de todas e todos e convida ás/ós potenciais “cómplices” dos Reis Magos a dar xa un paso adiante. Como en anos pasados, as persoas que queiran participar teñen ata fin de ano para entregar, na Casa Azul (Sor Lucía, 2), os paquetes identificados -co número de referencia da carta asignada e co nome da nena/o como farían os Reis Magos- pois o 2 de xaneiro comezará o reparto ás familias co fin de que o día 6 cheguen as mans dos seus destinatarios.
Os “cómplices” do programa (en)Volve asumen o compromiso de entregar un agasallo, dun importe máximo de 35 euros, que estea na carta que recibirán por whatsapp da nena ou neno asignado. E propónselles, sempre que sexa posible, anexar un libro adaptado á idade do receptor para fomentar a lectura.
Para facilitar a participación no programa e axilizar o proceso, enviaranse todas as cartas por whatsapp, acompañadas de toda a información precisa.
A xoguetería educativa “A balea das cores” colabora, unha vez máis, con (en)Volve facendo un desconto do 5% nos libros e un 10% nos xoguetes e xogos que sexan para o programa.
O teléfono de información de (en)Volve é o 606987743 e o formulario e QR para inscribirse na campaña é o seguinte: https://forms.gle/CW9pjzqng3ctb8MJA