Promoción Económica pon en marcha a páxina da Oficina do Cinema de Pontevedra para facilitar as producións audiovisuais

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou o crecente interese das produtoras por rodar na Boa Vila e garantiu que servirá de axuda para axilizar todos os procesos para facelo


É posíbel consultar toda a información a través da web oficial https://cinema.pontevedra.gal/

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou esta mañá a nova
páxina oficial da Oficina do Cinema de Pontevedra, un sitio que está activo dende xa e que se
pode atopar dende a web oficial do Concello. O directorio está destinado a transformar a cidade
nunha plataforma eficiente e accesible para produtoras e equipos de rodaxe.
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, estivo acompañada polo coordinador da que era a
Pontevedra Film Comission, Miguel López, agora ao cargo da Oficina do Cinema de Pontevedra.

A concelleira explicou como a idea xurdiu do crecente interese pola Boa Vila como escenario para
rodaxes diversas, e puxo exemplos como os filmes Matria de Álvaro Gago (2023) e Antes de Nós
(2024) ou a serie El jardinero (2025)
, que dan boa conta dos distintos tipos de producións
interesadas na cidade.

O portal, engadiu a edil, actúa como un “punto de acceso único e doado para localizar escenarios,
axilizar trámites, conectar con profesionais locais e prestar apoio durante as gravacións”. A
plataforma inclúe tamén un servizo de asesoramento para rodaxes, que ofrece acompañamento
durante o desenvolvemento das producións e apoio na resolución de imprevistos, na coordinación
de necesidades loxísticas e na relación cos distintos departamentos municipais. Ademais, a web
propón un catálogo de localizacións que amosa as posibilidades da cidade como escenario
audiovisual
, dende o seu patrimonio histórico e os espazos urbanos até as paisaxes naturais e
costeiras do entorno.


A Oficina do Cinema insírese na área de Promoción Económica e conta cun equipo técnico
especializado encargado de acompañar, orientar e facilitar a chegada de producións á cidade cada
vez máis atraídas polo modelo urbano da Boa Vila
, recoñecido internacionalmente, sumado ao
valor cultural e patrimonial para ofrecer un plató versátil e atractivo.
Ligazón: https://cinema.pontevedra.gal/

Compartir publicación: