Os clientes poderán escoller entre 16 tapas tradicionais, 12 tapas creativas e 10 cócteles que competirán no certame que se desenvolverá ata o domingo 23 de novembro
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, inaugurou este mércores o Pontedetapas 2025 cun roteiro que tivo como anfitrións ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, co obxectivo de promocionar unha nova edición do tan popular certame que atrae cada ano a miles de pontevedreses e visitantes. Ambos destacaron “o gran nivel que hai e a creatividade que amosan todos os establecementos presentados”.
Os locais que compuxeron a visita foron Pintxoviño (Sarmiento, 31), La Pivo (Sarmiento, 6) e máis Tabula Rasa (Marquesa, 4) onde o alcalde e a concelleira puideron probar as elaboracións que presentaron este ano: Tapa Tradicional, Cóctel e Tapa Creativa, respectivamente. Nesta nova edición presentáronse propostas para as tres modalidades posíbeis: 16 tapas tradicionais, 12 tapas creativas e 10 cócteles.

No concurso Pontedetapas 2025 participan os seguintes locais coas súas propostas:
A Fervella con “Susurro de mar e terra”; A Gramola con “Faxilda”; Agarimo con “Es-pera… o no??”; A Zentola con “Pernil Zentola o xeito «Pulled Pork»”; Adega dos Avós con “Nido de colibrí”; As Greas con “Dumplings recheos de cocido co seu caldo asiatizado”; Cafetería Sonata con “Mistura”; Casa Bereberes con “Makla”, “Tixola de marisco” e “Ensalada bereber”; Casa Verdún con “Xarretilla”; El Cafetín (La Gastroteca) con “O canto do galo (Tributo ao galo celta)”; El Toro con “Margarida ou cabaza?” e “Chispa de mazá”; Feroz con “Rubia”; Icewolf con “Ravioli madurado” e “Meigallo de mazá”; Kamelia Taberna con “Bocado da terra”; La Buena Vida con “Un taco galego” e “Doña Madroña”; La Pivo con “Brétema de lúa”; La Quadra con “Tacos á feira mex”, “Bandarra ribs” e “Hostias da miña nai”; Loaira con “Bágoa de pescada en salsa verde”; Marroquillos con “Murmurio do Magreb”; Padal da Santiña con “Sardiña en harmonía”; Pintxoviño con “O porquiño”; Pool House con “Bao viaxeiro”; Salmoira con “O chipirón da cofraría”, “Memorias salgadas da Moureira” e “Galemisú 67”; Gumer con “Guiso de luras”; Soulfood con “Non me sexas lura”; Tabula Rasa con “Porco_Cabuxa FESTA”; Trasmallo con “XardAldán”; e Umami Poke con “Ramen Umami” e “Mango Canalla”.
Este ano as elaboracións terán un prezo variable: 3,50 € de luns a xoves e 4 € de venres a domingo na modalidade de tapa; e 6 € para o cóctel.
O público participante poderá votar para elixir a “Tapa Pontevedra”, a proposta popular que representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia. Ademais, un xurado profesional valorará as creacións e decidirá os premios ás mellores tapas tradicional e creativa, así como ao mellor cóctel. O fallo farase público nun acto ao remate do certame. A iniciativa, aberta ata o 23 deste mes, ten o obxectivo de dinamizar a restauración local e contribuír a desestacionalizar o sector.

A edil aproveitou a ocasión para convidar a todos os pontevedreses a pasar pola feira do gourmet galego Etiqueta Negra, en concreto ao Showcooking deste domingo Concurso ao fogón: gañadores de Pontedetapas 2024 cos cociñeiros da anterior edición do certame Alberto Pérez González, do restaurante Icewolf, que co seu “Outono celta” se fixo co primeiro premio da Tapa Tradicional e Rubén González, do restaurante El Cafetín, que co seu “Tomatún” obtivo o primeiro premio da Tapa Creativa. A feira Etiqueta Negra estará no Recinto Feiral de Pontevedra os días 8, 9 e 10 de novembro e os gañadores do Pontedetapas deste ano terán a ocasión de realizar un novo showcooking en Etiqueta Negra.