A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, convida a todas as persoas interesadas a beneficiarse deste programa “que achega recursos, formación e oportunidades”
A inscrición está aberta xa e pódese facer a través da páxina web oficial https://ponteaochoio.eu/
O Concello de Pontevedra, presentou hoxe a feira Ponte ao Choio, un evento innovador e práctico pensado para promover a empregabilidade e o emprendemento, xerar novos vínculos no mercado laboral e fortalecer o tecido produtivo local.
Ponte ao Choio terá lugar no primeiro andar do Mercado de Abastos os días 27 e 28 de novembro en horario de 10.00 a 14.00 pola mañá e de 16.00 a 20.00 pola tarde.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, manifestou que con Ponte ao Choio “queremos achegar recursos, formación e oportunidades para que as persoas da nosa cidade poidan conectar con empresas que buscan talento e, á vez, para que as emprendedoras e os emprendedores locais poidan dar a coñecer as súas ideas, establecer contactos e consolidarse. Trátase dun formato distinto ao dunha feira de emprego ao uso e por iso quixemos aproveitar un espazo dinámico e que se presta á innovación como é o Mercado de Abastos”. Trátase, en definitiva, dun proxecto orientado a mellorar a empregabilidade e a activar o talento local de xeito práctico cun enfoque integrador.
A oferta das dúas xornadas inclúe:
- Obradoiros de mellora da empregabilidade, asesoramento curricular, vídeocurrículo e fotografía para currículo, este último aspecto a mans da fotógrafa Bea Císcar.
- Os coloquios “IA na procura de emprego e negocios” a cargo de Noela Quintana e Damián Pazos o día 27 ás 18.00, e “Claves para unha entrevista de traballo exitosa” o día 28 ás 18.00, a cargo de Noela Quintana.
- Espazo para recursos de formación, orientación profesional, preparación para procesos de selección e acompañamento a emprendedores e persoas desempregadas.
Amais, o equipo irá publicando vídeos de persoas emprendedoras da cidade antes da celebración das dúas xornadas. A participación nas actividades será gratuíta e as persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse na páxina web oficial https://ponteaochoio.eu/. Nesta mesma páxina poderán atopar tamén ofertas actualizadas de emprego.