Os formularios de inscrición para as actividades, que terán lugar entre novembro e maio, están xa dispoñibles no web apuntate.pontevedra.gal
Entre as propostas a mocidade pode atopar cursos de autodefensa e empoderamento, arteterapia, prevención e intervención en violencias sexuais, etc.
Cabe destacar o ‘Círculo de empatía’ que, nacido durante a pandemia, é un espazo seguro para o encontro e a xestión emocional.
A edil Eva Vilaverde presentou esta mañá unha nova edición da Escola Feminista da Mocidade que, organizada desde Xuventude, “comeza neste mes de novembro tan acaído, con todas as actividades do 25N contra a violencia machista e dura ata maio de 2026. Unha escola que o que pretende a partir da construción de espazos seguros, imprescindibles para poder traballar noutros conceptos como o autocoidado, autoestima, coñecemento propio a prevención. Conceptos que camiñan cara o empoderamento á hora de encontrarnos cunha sociedade que estruturalmente é hostil para as mulleres, agresiva e violenta. É moi necesario traballar todos estes conceptos para dotar ás mulleres mozas de instrumentos e recursos que permitan xestionar as diferentes situacións e esta sociedade, da maneira máis favorable para nós. Neste rango de idade, dos 15 ata os 35 anos, as situacións violentas son se cabe máis agresivas, por iso é tan necesaria esta escola. Temos que dotar de instrumentos e recursos á xente nova para identificar problemas, para identificar violencias, xestionalas, desbotalas e eliminalas sempre que sexa posible. O meu agradecemento á oficina de Xuventude do Concello polo traballo que realiza todo ano e sacar adiante esta escola a como non as facilitadoras das diferentes actividades que participan no programa e que hoxe nos acompañan xunto a deseñadora do cartaz, Maritza.
Á presentación do programa asistiron Maritza Berttolini (ilustradora e tecedora creadora da campaña da Escola Feminista deste ano), Vicky Estévez (promotora de igualdade e facilitadora do espazo Círculo de Empatía), Reina D´ Hoore (docente do obradoiro de Arteterapia, autocoidado profundo e potencia creadora), Elisabet Hillerud (docente do obradoiro de Zentangle: empoderamento artístico a través da arte, a creatividade e a meditación) e Sensei Jatsume (docente de defensa persoal física e emocional e empoderamento).
A técnica de Xuventude Mirian Viñas, apuntou que as inscricións xa están abertas en apuntate.pontevedra.gal e que “o número de prazas é diferente para cada actividade e aínda que teñen prioridade as mulleres entre 15 e 35 anos, no caso de vacantes terán acceso persoas doutras idades, que tamén son moi interesantes os encontros interxeracionais que se producen nos cursos”
As facilitadoras das actividades fixeron apuntamentos sobre a as propostas, variadas e ligadas a o autocoñecemento e autocoidado a través da arte, a natureza, a creatividade, as emocións ou o método Sakura da Sensei Jatsume.
Tamén cabe destacar o Círculo de Empatía, un espazo de escoita é seguridade onde son benvidas todas as persoas que precisen dun grupo para falar. “Facemos un montón de cousas, dinámicas, conversamos. Convido á xente a acudir a todas as actividades do programa. Xuventude fai un esforzo grande para sacar estas actividades adiante, todas de balde para mocidade e maravillosas” explicaba Vicky Estévez.
Pola súa banda a deseñadora do cartaz, a artista e bordadora Maritza Berttolini “quixen poñer a Escola no centro como un espazo físico, a casiña, onde se desenvolven as actividades. Representa calor, empatía, fogar, coidado, seguridade,… todo o que adoitamos atopar nos espazos feministas. Ao redor medran as flores como símbolo de autocoidado e crecemento. As follas agochan pequenos debuxos que representan as actividades”. Berttolini tamén aproveitou para apuntar a importancia de empregar o bordado, asociado durante anos a algo dóméstico, como un símbolo de resistencia nestes espazos feministas e empregalo para reivindicar.