Os de Algures levarán ao escenario do Principal unharepresentación única e exclusiva de ‘Os vellos non deben denamorarse’ dentro da programación do Ano Castelao

O espectáculo inédito terá lugar o vindeiro sábado 8 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal con entrada libre.


Contará Asociación Sete Espadelas, Aula Municipal de Teatro, Cafuné, pandereteiras Soalleira e Leña ás Ferreñas, baile ,cantareiros solistas, etc. e implicará máis de 60 persoas de todas as idades.


A particularidade da proposta é que será probablemente a representación máis fiel ao que Castelao pensou, seguindo os seus apuntamentos sobre vestiario, escenografía e música,


O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de José Luis Rodríguez Álvarez de Os de Algures o espectáculo exclusivo “Os vellos non deben de namorarse” que terá lugar o vindeiro 8 de novembro ás 20.30 no Teatro Principal con entrada libre ata completar cabida.


A proposta forma parte da programación do Ano Castelao, que tal e como puntualizou Gómez, “seguimos avanzando nela e seguimos avanzando tamén na implicación da sociedade pontevedresa, neste caso de entidades como os gaiteiros de Os de Algures, a Asociación Sete Espadelas, a Aula Municipal de Teatro, etc. que van traer unha representación única de ‘Os vellos non deben de namorarse’. En nome do Concello de Pontevedra quixera agradecer o traballo de investigación, recollida de datos e o esforzo que fixeron para que esta representación sexa o máis fiel posible ao que Castelao pensou. Debemos recomendar a todos os pontevedreses pontevedresas que se acheguen polo Principal porque van ver un espectáculo único que ou se ve ese día ou non vai haber máis oportunidades. Unha representación co vestiario de Castelao, a escenografía de Castelao e coa elegancia coa que Os de Algures, Sete Espadelas e neste caso tamén a Aula Municipal de Teatro levan a cabo este proxectos é un luxo que temos en Pontevedra”

Jose Luis Rodríguez de Os de Algures, responsable da coordinación da representación amais da música, salientou o particular da representación “contempla todo o que Castelao deseñou para representación. Porque Castelao non só escribiu a obra, fixo tamén debuxos e pinturas dos personaxes. Sabemos como quería que foran vestidos, as cores que tiña que ter o vestiario, como tiñan que ser as entradas e saídas, tamén toda a escenografía. É unha obra importante e
transcendental para o teatro galego que leva moitas representacións desde aquela primeira que se fixo en Bos Aires no 1941. Escribiu esta obra coa nostalxia de estar fóra de Galicia e deixo sinalado tamén que coplas quería que se cantaran na obra. O novo da representación é tamén poñer a música a esas coplas, facer os arranxos para esas foliadas e muiñeiras coreadas que están descritas no texto tamén. É unha oportunidade única para ver esta obra dun xeito diferente. A achega máis real ao que Castelao deseñou para ela”.

Rodríguez non quixo deixar de agradecer o traballo a todas as entidades implicadas, “desde Os de Algures que poñen a música, Sete Espadelas o vestiario, a Aula Municipal de Teatro actores e actrices, Cafuné os figurantes, Soalleira o baile tradicional, etc. Somos 60 persoas no escenario. Encher de cor e música e unha obra de teatro non é algo tan habitual e fai que estas representacións sexan marabillosas. Son un agasallo do Concello de Pontevedra á poboación. Convidarvos a todos a que veñades a vela, aínda que haxa que facer cola”

Compartir publicación: