A concelleira María Xosé Abilleira destaca a implantación de novos colectores nos espazos de maior convivencia das parroquias facilitando a reciclaxe.
Comezará o luns nas parroquias de Lérez (ás 10.00 horas) e de Cerponzóns (ás 10.30 horas) e continuarase polo resto de parroquias durante toda a semana.
O Concello de Pontevedra avanza na aposta pola sustentabilidade e a economía circular continuando co despregue do novo contrato de xestión de residuos nas parroquias. Dende o luns comezaranse a instalar os colectores de recollida de aceite usado doméstico en Lérez e Cerponzóns, tal e como informou a concelleira responsable do rural, María Xosé Abilleira que está en contacto con todas as asociacións veciñais para consensuar a súa colocación.
Até o de agora as localizacións escollidas para a instalación destes colectores son (pendente de confirmar Ponte Sampaio e Canicouva):
| UBICACIÓNS COLECTORES ACEITE | |
| Parroquia | Localización |
| LEREZ | Rotonda igrexa |
| CERPONZÓNS | Aparcamento igrexa |
| ALBA | Aparcamento igrexa |
| CAMPAÑÓ | Local social de Cabaleiro, enfrente do Campaniola |
| LOURIZÁN | Estribela |
| Praza de Os Praceres | |
| TOMEZA | Aparcamento igrexa |
| MARCÓN | Acarcamento casa de cultura |
| SALCEDO | Contorna do restauraste A de Paco (preto do cole) |
| VERDUCIDO | Aparcamento igrexa |
| SANTA MARÍA | Frente ao antigo concello, en frente do aparcamento da igrexa |
| SANTO ANDRÉ | Parque infantil de A Bouza, estrada de Campo Lameiro, antes da farmacia |
| BORA | Zona ITV |
| MOURENTE | Cruce entrada ao Mercantil |
Escolléronse espazos aos que habitualmente acode a veciñanza como as igrexas ou as casas de cultura para facilitar a recollida deste residuo. A primeira colocación será este luns, 27 de outubro, ás 10.00 horas na parroquia de Lérez (na rotonda da igrexa) e ás 10.30 horas en Cerponzóns (no estacionamento da Igrexa parroquial).
A concelleira María Xosé Abilleira acompañará nestas primeiras instalacións e entregaranse funís á veciñanza que se achegue até alí para facilitar a correcta reciclaxe. O procedemento de reciclaxe é moi sinxelo: o aceite usado deposítase en botellas usadas de plástico de 1 ou 2 litros, péchanse e deposítanse no colector. No resto de parroquias, daráselles funís ás asociacións veciñais para que repartan entre a veciñanza. Cabe lembrar que se trata dunha iniciativa promocional.
Estes novos colectores complementan aos xa instalados no Mercado, respondendo a unha demanda preexistente nesa zona. A xestión e recollida do aceite está a cargo da cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, que asinou un convenio de colaboración coa empresa PreZero, responsable da xestión de residuos en Pontevedra. A cooperativa estima realizar rutas de baleirado semanalmente.
Responsábeis
A concelleira María Xosé Abilleira subliñou que “a extensión deste servizo ao rural é fundamental para facilitar a reciclaxe a toda a cidadanía e para fortalecer o noso compromiso social e ambiental, en liña coa campaña ‘Responsábeis’ recentemente presentada polo Concello e que marca a nosa acción de goberno”.
Este despregamento enmárcase na renovación integral dos servizos de xestión de residuos de Pontevedra. O Concello xa renovou a practica totalidade dos contedores de papel e cartón (azuis) e xa comezou a colocar os 498 novos contedores amarelos para envases lixeiros, seguindo a folla de ruta establecida dende o urbano ata o rural.
Adicionalmente, o Concello segue a impulsar outras iniciativas complementarias como a posta enmarcha primeira remesa da nova flota de maquinaria de última xeración de limpeza viaria e as limpezas integrais que se están a suceder en distintos barrios da cidade, garantindo non só a recollida senón tamén a hixiene e o coidado do espazo público. Todas estas accións buscan reforzar a concienciación e a participación cidadá baixo o paraugas da campaña “Responsábeis”.