Terá lugar o día 7 de novembro con saída ás 12.00h e está destinado ao alumnados dos IES da cidade
O Museo, a praza da Ferraría, Teucro, a rúa da Oliva, o Café Moderno e o IES Valle Inclán serán as
paradas nas que se levarán a cabo lecturas da man do alumnado.
O edil de Cultura e Educación presentou esta mañá o ‘Roteiro dos institutos’ que completa a programación do Ano Castelao e, da man dos equipos de normalización lingüística dos IES Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Sánchez Cantón, Xunqueira 1 e Xunqueira 2, percorrerá a cidade o vindeiro 7 de novembro.
Tal e como destacou o edil, “era imprescindible que se desenvolvese esta actividade na cidade, xa que Castelao foi profesor de debuxo do instituto de Pontevedra, o único que había daquela na cidade e agora temos 8 ou 10. Esta que presentamos é unha actividade na que colaboran alumnado e profesorado de 6 centros de Pontevedra, representados hoxe por Irene Santiago e Fernando Pazos, dos equipos de Normalización Lingüística do IES Frei Martín e IES A Xunqueira 1, e alumnado do Frei. Organizaron un paseo pola cidade, centrado na figura de Castelao. Esta primeira experiencia está destinada a alumnado dos centros de ensino, que entre o alumnado implicado na organización e compañeiros/as convidados/as rondará os 80 -100 participantes. Un número moi elevado para un roteiro. Queremos destacar a importancia de sacar os proxectos educativos das aulas, xa que nesta iniciativa o alumnado é o protagonista, dando voz aos textos de Castelao.”
O roteiro terá lugar o vindeiro venres 7 de novembro ás 12.00 h co Museo de Pontevedra como punto de partida e contará con paradas nas prazas da Ferraría e Teucro, a rúa da Oliva, o Café Moderno e o IES Valle Inclán. O alumnado comentará en cada punto o vínculo dese lugar coa vida de Castelao e levará a cabo unha posterior lectura de textos, en moitos casos relacionados co lugar onde se fixo a parada.
No caso do alumado do IES Frei Martín, que estudaron a Castelao o ano pasado, comentan que “esta iniciativa (da que forman parte de xeito voluntario ocupando os recreos dos mércores), servIu para afondar máis na súa figura xa que non sabiamos da estreita relación de Castelao con Pontevedra, coñecer os sitios nos que estivo, etc. No noso caso, tocounos falar da rúa da Oliva onde Castelao viviu con Virxinia Pereira, onde escribiu moitos dos libros que máis tarde foron publicados e foron subtraídos logo do golpe do 36. Imos ler A marquesiña, O negriño Panchito e Meu Pontevedra.“