Con entrada de balde para todos os públicos, a nova edición contará con case tres decenas de stands e permitirá a entrada de mascotas
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou esta mañá a terceira edición da Feira de Animais de Compañía que se celebrará no Pazo da Cultura os días 24, 25 e 26 de outubro. A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, salientou que se trata dun evento que pon de manifesto a “vontade de Pontevedra de recoñecer, por un lado, a importancia dos animais e do seu benestar, e por outro, como a Boa Vila aglutina cada vez máis eventos a nivel galego como é o caso desta feira e que ademais se repiten e consolidan na cidade”.
Na presentación estiveron tamén o Secretario Xeral de Emprego, Pablo Fernández, e representantes das protetoras de
Pontevedra e Poio (Galicia Adopciones, Ohana Animal e a Canceira de Poio). A programación desta fin de semana inclúe exhibicións, concursos, expositores e información e venda de artigos, así como faladoiros e zona de xogos para crianzas. A apertura da feira será este venres ás 18.00 e pechará ás 20.30 horas. O sábado e o domingo, o salón abrirá en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas.
Un dos puntos centrais será a participación das protectoras. Poderanse visitar os stands das mesmas, tanto do concello de Pontevedra como do concello de Poio, co obxectivo de recoñecer o seu traballo e coñecer as diferentes formas nas que se pode colaborar. No eido das actividades, a feira sumará “un puntiño máis” coa inclusión de competicións
deportivas de agility, e incluso un concurso tipo Got Talent.
Máis información a través da conta de Instagram @gesdigal: https://www.instagram.com/gesdigal/.