A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, deu un paseo inaugural cos comerciantes que participan na iniciativa
A intervención da ilustradora María Montes consiste na colocación de 16 grandes camelias deseñadas expresamente para cada un dos locais da rúa que une a Ferraría coa Praza da Verdura
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, apoia a iniciativa dos establecementos comerciais da Rúa San Román que se inaugurou o pasado sábado. A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, asistiu ao paseo inaugural deste sábado que percorreu a emblemática rúa situada entre a Praza da Ferraría e a Praza da Verdura. Esta encherase de camelias a través das creacións da ilustradora María Montes e propietaria do local Peixe de Prata situado na mesma rúa.
Esta intervención artística, como xa aconteceu coa intervención do 2023, está a aumentar afluencia de visitantes e como consecuencia, o comercio na rúa e na zona próxima. Como indicou Anabel Gulías, “o Concello está encantado de colaborar nesta iniciativa cuxa intención é poñer en valor a flor que é símbolo de Galicia e que é visible en moitos puntos chave da Boa Vila, como en distintos xardíns, na praza da Ferraría e no Paseo Antonio Odriozola pola súa relevancia paisaxística”.
A intervención consistiu na colocación de 16 grandes camelias deseñadas por Montes nos seguintes baixos comerciais: en Pontus Dental unha camelia xapónica “Eugenia de Montijo”, a libraría El Pueblo coa variedade nitidissima e Sangre de Pichón, o zapateiro Patricio coa Williamsii Jury’s Yellow, o restaurante Kamelia coa xapónica “María Otero del Río”, a tenda Nahuatl co sienensis, a tenda de lámpadas Limeres coa xapónica Oki No Nami, Las Tareixas coa xapónica “Jimánez Fernández de la Vega”, O Berce coa xapónica do Pazo, Babum moda infantil coa xapónica Ispiration, a cerería San Román coa variedade sasanqua “Baronesa de Soutelinho”, Peixe de Prata coa xapónica “Cereixa de Tollo”, Sabri complementos coa Sasanqua Navajo, a Fábrica de Galletas coa xapónica Koku-ryü Black Dragon, Descaro coa Reticulata capitan Rawes e a farmacia coa variedade Elisabeth de Rothschild. Quedan pendentes de colocación dous baixos en aluguer.