O Mercado acolle hoxe e mañá dúas novas citas culinarias de A Mesa do Camiño dentro do programa Pontevedra Capital Gastro

A cea para peregrinos será ás 19.30 horas na Praza de Abastos. O menú de balde de hoxe está ao cargo de Olmos Gastro-Bar e inclúe mexillóns, luras, empanada de bacallau e torta de queixo, todo mariñado cun viño e un guía turístico que apoiará aos cociñeiros nas explicacións.

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra  

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, convida hoxe e mañá aos peregrinos aloxados en albergues da Boa Vila a gozar das creacións de cociñeiros locais no primeiro andar da Praza de Abastos. Trátanse de degustacións gratuítas acompañadas por un guía turístico que axudará aos cociñeiros a explicar o seu traballo durante a actividade. 

Dentro do programa Pontevedra Capital Gastro que botou a andar a pasada semana, A Mesa do Camiño está a ser unha das iniciativas de máis sona e que está a permitir a visitantes non só de lugares próximos, senón mesmo de diversos países e culturas, aprender sobre a gastronomía galega grazas a unha degustación de balde que se realiza os xoves e venres ás 19.30 horas

Hoxe, xoves 16 de outubro, a cita culinaria será con Olmos Gastro-Bar cun menú formado por varios petiscos ou tapas: mexillóns ao vapor e vinagreta, empanada de bacallau con pasas e luras guisadas, todo mariñado cun viño (tamén auga) e seguido dun postre, torta de queixo. Mañá, venres 17 de outubro, os peregrinos poderán gozar dos petiscos ofrecidos por A Fervella. O menú consistirá en vieira á galega, guiso mariñeiro, lacón con grelos á feira e torta de améndoas de sobremesa. 

As vindeiras datas das ceas serán xoves 23, venres 24, xoves 30 e venres 31 de outubro; en novembro xoves 6, venres 7, xoves 13, xoves 20 e venres 21 e volverán en marzo de 2026: xoves 5, venres 6, xoves 12, venres 13, xoves 19, venres 20, xoves 26 e venres 27 e abril: xoves 9, venres 10, mércores 15, xoves 16, venres 17, xoves 23, venres 24 e xoves 30. 

É posíbel anotarse a través do formulario do Apúntate! dispoñible na páxina do Concello de Pontevedra. Hai un máximo de 30 prazas por sesión

O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea. 

Compartir publicación: