O Concello de Pontevedra impulsa unha nova edición de Rizando Rizo para dinamizar o sector da imaxe persoal nas Galerías Oliva

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, salientou que o encontro “leva anos poñendo en valor o traballo das persoas profesionais e xa é un encontro moi querido en Pontevedra”

Máis dunha decena de profesionais da Boa Vila amosarán as súas especialidades de balde ou por un prezo máximo de 7 euros e tamén ofrecerán servizos para as crianzas

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, organiza e patrocina o  agardado encontro de perruquería e beleza Rizando Rizo, unha xornada adicada ao sector da estética e a imaxe persoal que terá lugar este sábado, 18 de outubro de 16.30 a  21.00 horas nas Galerías Oliva.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, salientou que esta actividade “leva anos poñendo en valor o traballo das persoas profesionais da imaxe persoal e xa é un encontro moi querido en Pontevedra”. Ao mesmo tempo, “serve para revitalizar un espazo emblemático como o son as Galerías Oliva” onde máis dunha decena de expositores ofrecerán demostracións en directo e servizos como peiteados, maquillaxe, manicuras e tratamentos de balde ou por un máximo de 7 euros.

Os expositores presentes e servizos ofertados son Extensiones Jossy (colocación de extensións), Peluquería Sagasta (maquillaxe e tinturas naturais), María José Pazos (diagnósticos capilares), Ami Bizzarro (makeup Artist), Ana Barros (perrucas), Chema Argibay (barbería e cortes de cabelo), Dona Bela (recollidos e láser), New Style (recollidos),  Nieves Blanco & Conde (Glitter Bar), Delaria Tatoo (tatuaxes), Sarai Álvarez (maquillaxe artística) e Vibes (corte de cabelo masculino). Amais de establecementos recoñecidos de Pontevedra, estará presente o alumnado de  Estética integral e benestar do IES Frei Martín Sarmiento con traballos como esmaltado e decoración e uñas e máis barbeado. Lembran ás persoas que desexen probar estes servizos que é preciso levar o cabelo previamente lavado ou limpo.

O encontro contará tamén con Beauty Talks (faladoiros entre profesionais) e obradoiros. Ás 18.30 gravarase en directo a entrevista “A perruquería onte e hoxe” con posterior entrega de recoñecementos a varias persoas profesionais de ampla traxectoria. Ademais, haberá un concerto do grupo The Soul Rivers ás 19.30 horas que porá a nota musical á xornada. Para as crianzas, ofreceranse distintos obradoiros exprés, murais participativos, e xogos. 

En paralelo, Rizando Rizo segue cun sorteo de 15 vales de 60 euros en activo a través do Instagram @rizandopontevedrate ata o venres 17 de outubro inclusive e que se resolverá o sábado. Tamén durante o evento deste sábado se celebrará un sorteo en directo de 5 vales adicionais, de 60 euros, entre as persoas asistentes que participen etiquetando a conta oficial.

Compartir publicación: