Impártense, a partir desta semana, en sete locais sociais do rural: Bora, Marcón, Mourente Lérez, Ponte Sampaio, Tomeza, Estribela e Salcedo e tres urbanos: Centro Sur, A Parda e San Roque
Os obradoiros de memoria que impulsa a Concellería de Benestar Social en distintas parroquias e barrios de Pontevedra están de volta. Ao longo desta semana, de xeito gradual, comezarán a impartirse nunha decena de centros sociais municipais. Sete están no rural: Bora, Marcón, Mourente, Lérez, Ponte Sampaio, Tomeza, Estribela (Lourizán) e Salcedo e tres son urbanos: Centro Sur, A Parda e San Roque. A actividade manterase ata o mes de decembro.
Os obradoiros, organizados en colaboración con Acolle, desenvolveranse en sesións semanais, dunha hora e media de duración, e van dirixidos a persoas maiores de 60 anos sen diagnóstico de patoloxías neuro-dexenerativas
Estimulación cognitiva, habilidades memorísticas, comunicación oral, socialización e identidade comunitaria van da man nunha actividade “que une a aposta do Concello a prol do envellecemento activo coa dinamización social das parroquias” explica a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías.
Nos talleres de memoria as participantes aprenderán, de xeito lúdico, sinxelas regras mnemotécnicas, útiles para a vida cotiá (non esquecerse do contido da lista da compra, citas médicas, familiares ou persoais ou tarefas que facer), e realizarán xogos e actividades pensadas para centrar a atención, fomentar as habilidades comunicativas e crear e estreitar lazos de veciñanza e comunidade.
Malia que os grupos están teñen un aforo de 20 persoas, a experiencia amosa que non é un tope ríxido. En edicións anteriores os grupos flutuaron entre os 16 e 33 asistentes e nalgún caso, como ocorre de novo en Lérez, desdóbranse para atender a demanda.
.