O Concello da luz verde á sinatura do convenio que achegará a renovación integral da iluminación na zona nordeste da cidade

Trátase dun acordo coa Deputación de Pontevedra que aportará preto de 1.600.000 euros con cargo ao convenio anual dos 2.320.000 euros totais que se investirán no proxecto.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta en rolda de prensa esta maña da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos distintos asuntos incluídos na orde do día, o rexedor quixo poñer o foco na aprobación do convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra destinado á renovación integral da iluminación na zona nordeste da cidade.

Lores destacou que este é o proxecto máis importante contratado para mudar a iluminación da Boa Vila, e ten como obxectivo completar a renovación de todas as rúas da área nordeste do centro urbano. O valor total deste proxecto ascende até os 2.320.991 euros, dos cales 1.601.948 euros serán aportados pola entidade provincial a través do convenio anual que manterá co Concello. O proxecto sairá a licitación nos vindeiros días.

A renovación abranguerá todas as luminarias da nomeada área, incluíndo o cambio de 39 cadros de luz. A actuación está deseñada baixo as máis estritas condicións técnicas en materia de eficiencia enerxética, empregando tecnoloxía LED, e suporá un antes e un despois se falamos de aforro enerxético e loita contra o cambio climático neste aspecto.

Ademais, o proxecto prevé un reforzo específico da iluminación en pasos de peóns e nos espazos e vías peonís. Así, procurarase mellorar a seguridade peonil, creando un espazo público máis seguro e unha mobilidade máis amable para todos e todas.

Unha vez finalizada esta intervención, quedará practicamente completado o cambio de iluminación en todo o municipio, agás partes do centro histórico e algunhas parroquias (como Tomeza e Salcedo), cuxa renovación se prevé para os próximos anos.

Renaturalización do Río dos Gafos

O alcalde tamén informou de que rematou o prazo de presentación de ofertas para o proxecto de renaturalización do Río dos Gafos. Presentáronse un total de seis empresas: Civis Global, San José, Ferrovial, Oreco-Balgón, e Vilor Infraestruturas SL, ademais da UTE formada por Casas e Covsa. O proxecto, que conta cun orzamento de 4,6 millóns de euros, supón unha mellora substancial para o barrio de Campolongo a través da plantación de novas árbores e a renaturalización do río.

Trátase dun proxecto sen precedentes en todo o Estado español, segundo as informacións remitidas pola Fundación de Biodiversidade.

Compartir publicación: