O Concello de Pontevedra presentou hoxe o seu Plan de Custodia do Territorio, elaborado no marco do proxecto transfronterizo Green Gap (cofinanciado polos fondos europeos FEDER, no marco do programa Interreg España-Portugal). Segundo explicou Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos urbanos básicos, onde se atopa a carteira de medio ambiente, “o concepto de custodia do territorio é unha estratexia de xestión colaborativa e a participación do medio natural que une esforzos públicos, privados e comunitarios para conservar a biodiversidade, a riqueza dos espazos con valor natural, cultural e paisaxístico”.
Estes acordos de custodia son voluntarios entre propietarios de terreos con valores naturais e entidades en ánimo de lucro que están dispostas a colaborar na conservación medioambiental. E hai diferentes tipos de proxectos de custodia: a limpeza de ríos, a eliminación de invasoras, plantacións… e o seu financiamento pode ser público ou privado.
No caso da estratexia do Plan de custodia de Pontevedra, que xa está elaborada, fíxose cunha idea facilmente comunicable do que é a custodia do territorio para difundila entre a poboación, detectar os oportunidades para novos acordos de custodia, identificar os espazos, axentes e intervencións, posibles intervencións.
Son varios os proxectos viables que xorden desta estratexia como a conexión ecolóxica do río Almofrei co río Lérez, a recuperación ambiental da Xunqueira da Gandarela ou a memoria da auga e do Castelo de Cedofeita en Lérez.
Paralelo á elaboración do Plan, o proxecto Green Gap promove esta fin de semana -o venres e sábado no Pazo da Cultura- unha xornada sobre a custodia do territorio co obxectivo de poñer en valor experiencias colaborativas entre entidades, administracións, comunidades locais na conservación do patrimonio natural e cultural.