José Manuel González Abal é dende hoxe o Intendente Principal do Concello de Pontevedra e o único neste cargo en toda Galiza. Tomou posesión do seu novo posto que estaba vacante dende a xubilación de Daniel Macenlle (agora director xeral de Seguridade Cidadá). O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, logo de asinar a súa toma de posesión, felicitou ao novo Intendente Principal da Policía Local e recordo que co seu nomeamento “complétase o cadro de mandos a nivel superior”.
A praza de Intendente que deixa González Abal será convocada “inmediatamente” porque “interésanos que a Policía teña cubertos todos os postos” explicaba o alcalde que recordo que o cadro de persoal de policías municipais en Pontevedra ten 110 axentes activos.
Pola súa banda González Abal explicou que “hoxe, para min, é o día máis importante da miña carreira profesional” e dixo sentirse “enormemente agradecido ao Goberno. Desde o ano 2000 que eu entrei aquí, tanto por parte do señor alcalde como dos concelleiros que tiveron a delegación da policía: Raimundo González Carballo, Guillerme Vázquez, Demetrio Gómez, Carmen da Silva e Eva Vilaverde sempre me mostraron o apoio e a súa confianza, e por iso estou agradecido. Sen esquecer a Carmen Fouces durante a miña etapa de director xeral de Recursos Humanos que tamén foi moi importante para min”.
Quixo facer un “agradecemento especial a Daniel Macenlle porque foi básico na miña carreira profesional. O seu apoio e a súa confianza. Estareille tamén eternamente agradecido”.
Recoñeceu que “dirixir a Policía Local de Pontevedra con máis de 100 persoas non é doado, sobre todo porque é unha profesión na que conflúen moitísimas sensibilidades que non son fáciles de manexar en moitas ocasións, pero intentarémolo. O Goberno pon a disposición un grupo de profesionais, neste momento, eu creo que excelente, do mellor que hai en Galicia, e tamén unha ampla gama de medios técnicos e materiais que axudarán a conseguir o obxectivo de prestar o mellor servizo posible á cidadanía.