O Concello impulsa a súa transformación dixital actualizando o sistema de xestión de base de datos 

O Concello, en colaboración coa Deputación Provincial, adxudica o contrato de subministro de servidores e licenzas á empresa Altia Consultores por 177.620,74 €, coa meta de acadar unha administración máis eficiente e moderna 

O Concello de Pontevedra avanza no seu proceso de modernización dixital tras a asinatura do contrato para a renovación de servidores e licenzas esenciais para a actualización da infraestrutura do sistema de xestión de base de datos corporativo (SXBD). Esta actuación fundamental enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial o pasado 15 de xullo de 2025. O obxectivo principal desta alianza é fortalecer a infraestrutura do sistema de xestión de base de datos corporativo para que sexa máis flexible, segura e resiliente.

O contrato específico, denominado “Contrato de subministro de servidores e licenzas necesarias para a actualización do SXBD ORACLE-SE do Concello de Pontevedra”, foi adxudicado á empresa Altia Consultores por un prezo de adxudicación de 177.620,74 €.

A mellora prevista abrangue a actualización dos servidores e do hardware onde se aloxa a base de datos municipal, a subministración de novas licenzas necesarias, e a asistencia técnica especializada para traspasar toda a información aos novos servidores.

Esta renovación tecnolóxica persegue múltiples obxectivos enfocados na mellora do servizo público:

  • Acada unha Administración modernizada a través da súa dixitalización.
  • Mellora a seguridade das infraestruturas tecnolóxicas do Concello, cumprindo cos estándares esixidos pola regulación europea e nacional de seguridade e auditoría, incluíndo o ENS e a Directiva (UE) 2016/1148 sobre seguridade das redes e sistemas de información.
  • Actualiza os servizos electrónicos para ofrecer servizos públicos dixitais de calidade, máis adaptados ás demandas da cidadanía e das empresas.
  • Mellora a eficiencia administrativa para facer efectiva unha Administración electrónica máis segura e interconectada.

Ademais, esta actuación afianza o proceso de transformación dixital municipal, buscando a consolidación electrónica e a modernización dos servizos dixitais.

Compartir publicación: