O Concello de Pontevedra vén de recibir as obras da urbanización do campo de fútbol de Salcedo que se estiveron executando durante o verán. O custe da urbanización foi de 188.752,40 euros e foi executada pola empresa Zona de Obra O Rosal.
Este investimento consistiu na creación dunha nova praza de acceso ao campo de tal modo que o pavimento interior estendeuse até o exterior creando un espazo peonil que mellora a accesibilidade tanto á bancada como a outras áreas de uso público.
A iluminación exterior tamén estaba incluída neste proxecto e busca enmarcar as edificacións e os límites da zona urbanizada. Tamén se completaron as dotacións do campo como a instalación dunha malla para balóns ou a canalización das augas pluviais de toda a parcela e do novo espazo público.
Se ben o paso definitivo para o campo de fútbol de Salcedo deuse o pasado mes de maio co remate da obra -de feito a concelleira de Deportes Anabel Gulías recordaba naquel momento que “non é un segredo que a obra tivo moitas complicacións técnicas ao longo do seu desenvolvemento”-, o remate da urbanización permite ir completando esta dotación deportiva de primeiro nivel que rematará, finalmente, coa mellora do vía de acceso ao campo e a esta zona da parroquia. Este proxecto xa está en tramitación.