Os Feroz 2025 disparan a proxección de Pontevedra cun impacto de 33,5 millóns de euros 

Un día despois de que arrincase a programación dos Feroz 2026 en Pontevedra co anuncio de Antonio Durán ‘Morris’ como un dos catro presentadores da gala do próximo 24 de xaneiro, o Concello de Pontevedra e a AICE fixeron balance do impacto da anterior edición na cidade.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que en Pontevedra “pasan cousas que non pasan por casualidade porque detrás de todos estes eventos hai unha posición política de aposta pola cultura como un evento de carácter social e de promoción da cidade”. Aclarou que “ten que ver coa confianza que o Goberno ten na propia cultura e na cidade capaz de acoller eventos importantísimos que teñen trascendencia económica e de proxección internacional” que a súa vez teñen como resultado “xeración de emprego e o beneficio na economía de toda a comarca. Non so afecta á cidade senón que promove a cidade, as Rías Baixas e tamén Galicia”.

Pola súa banda, o responsable de AICE, Fernando de Luís Orueta, indicou que os Feroz 2025 supuxeron unha difusión da imaxe de Pontevedra valorada en 33,5 millóns de euros, incluíndo as publicacións en medios de comunicación, a conversación en redes sociais, as campañas publicitarias… Os medios de comunicación publicaron máis de 1.800 informacións sobre a celebración dos Premios Feroz na Boa Vila, o que suma unha audiencia acumulada que supera os 5.000 millóns.

En redes sociais superáronse as 3.600 mencións aos Feroz en Pontevedra, alcanzando a máis de 15 millóns de usuarios.

Ademais, a cerimonia tivo o maior seguimento de toda a historia destes galardóns ao ser retransmitida por primeira vez pola 2 e RTVE Play: foron vistos nalgún momento por 2.120.000 espectadores únicos e a gala obtivo o 3,11% de cota de pantalla e 327.000 espectadores de audiencia media. A iso hai que sumar a emisión do programa especial da Alfombra Vermella tamén en directo a través da canle de Youtube dos Feroz que acumulou máis de 27.000 espectadores. 

O día da gala, acreditouse a 171 xornalistas de 87 medios para cubrir o photocall de pousados e o circuíto de entrevistas polo que pasaron todas as estrelas —e os gañadores durante a cerimonia—. A todos eles hai que sumar a asistencia de 122 xornalistas membros de AICE.

As actividades previas á cerimonia tamén resultaron decisivas para consolidar o impacto na cidade. Esta programación incluíu, entre outras actividades, 17 proxeccións de películas e series —moitas delas acompañadas por coloquios—, catro clases maxistrais, unha mesa redonda e a visita a Pontevedra, en total, de 32 cineastas e expertos en audiovisuais. A asistencia media a estas sesións foi dun 90%.

A repercusión mediática tanto de Pontevedra como dos Feroz é sobresaliente e a imaxe que se proxecta da cidade é dunha fabulosa acollida aos profesionais da industria audiovisual e aos afeccionados do cinema e as series españolas. 

Este balance non só reforza a relevancia dos Premios Feroz como un dos grandes fitos anuais da industria audiovisual española, senón que tamén posiciona a Pontevedra como cidade de referencia na organización de eventos culturais de alcance nacional e internacional. 

Os Premios Feroz destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada. Están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium de ElPozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.

A AICE é un grupo plural de máis de 200 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.

Compartir publicación: