O primeiro dos recitais terá lugar este domingo 21 ás 12.00h e terá a ópera e zarzuela como protagonistas.
As seguintes citas, tamén no Principal, serán os sábados 11 de outubro e 15 de novembro
O peche do ciclo o 20 de decembro, terá lugar na Igrexa de San Francisco e contará coa Coral Polifónica de Pontevedra en conmemoración do seu centenario
Todas intervecións, que percorrerán diferentes xéneros, serán con entrada libre ata completar
cabida.
O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Rafael Agulló (director da Banda de Música de Pontevedra) e Víctor Fernández (membro da directiva) a programación da agrupación musical que terá lugar entre o 21 de setembro e o 20 de decembro.
Segundo o concelleiro, “sería imposible poñer en marcha a programación de outono sen todas as entidades que hai detrás, como neste caso a Banda de Música de Pontevedra que leva moito tempo preparando este programa para que de aquí a decembro poidamos ter este ciclo completo e variado que agardo sexa do agrado das persoas afeccionadas á música de bandas e a música máis culta elegante e de salas de teatro. Poderemos gozar dela este domingo 21 de setembro, os sábados 11 de outubro, 15 de novembro e 20 de decembro. As 3 primeiras datas terán como escenario o Principal e a derradeira, especial de Nadal, a igrexa de San Francisco”
Pola súa banda o director da Banda de Música, o valenciano Rafael Agulló xustificou o título desta primeira parte do ciclo ‘Vento en popa a toda vela’ en que “esa é a mentalidade coa que afrontamos na banda esta tempada. Tamén porque a banda é unha agrupación de ventos e facendo referencia a Espronceda. Queremos tamén transmitir con esta frase a ilusión e motivación coa que ao longo deste ano retomamos a actividade logo dunha parada de 4 anos, regresando aos antigos cauces nos que primabamos o artístico, o pedagóxico e o social, que son as 3 bases nas que nos asentamos. Se imos vento en popa, ten que ser nun navío que neste caso é o Teatro Principal que tanto amamos. Para rematar e antes de afondar na programación, quero destacar a colaboración do artista de O Grove, Besada, quen debuxou o veleiro que ilustra o cartel”
“En xaneiro regresaremos para presentar a segunda parte deste Ciclo de Butaca pero hoxe presentamos a primeira, que vai de setembro a decembro, na que queremos levar de viaxe ao noso público. Este domingo 21, será unha viaxe ao mundo da lírica na que faremos un xogo de espellos entre a ópera italiana e a zarzuela. Gozaremos de óperas e zarzuelas cun mesmo argumento: a ópera Aída e La corte del faraón, La Bohème de Puccini e Bohemios de Amadeo Vives, etc.
No segundo concerto o 11 de outubro, contaremos cun dos mellores directores de música de banda, o portugués, Felipe Fonseca. Leva tres ano gañando concursos internacionais de xoves directores. unha persoa moi talentosa que achegará un programa titulado LusoFónías, no que viaxaremos pola evolución da música bandista do país veciño. Comezará cunha peza de máis de 100 anos de antigüidade e rematará cunha peza de recente creación que será interpretada por primeira vez fóra do seu país.
Na terceira cita o 15 de novembro, viaxaremos a Francia cos soños franceses, percorrendo os grandes clásicos: Éric Satie, Paul Dukas, Georges Bizet, etc.
Para rematar o 20 de decembro, na Igrexa de San Francisco, contaremos cun concerto moi especial polo 100 aniversario de Coral Polifónica. Xa fixemos colaboracións antes, pero quixemos formar parte desta celebración con este concerto de Nadal con panxoliñas con coro e banda e unha peza sorpresa de grandes dimensións. Un éxito que interpretamos hai 8 anos e que retomamos con motivo da celebración do centenario.”
Antes de despedirse, Agulló quixo reiterar o agradecemento ao Concello pola oportunidade e manifestar que “estamos moi Ilusionados e sorprendidos por este ano de retomar a actividade cunha gran resposta por parte do público logo de 3-4 anos de inactividade. A xente non se esquecera da banda e puidemos gozar toda a tempada de inverno e verán da implicación do público. Estamos moi agradececidos e agardamos que así sexa tamén nestes próximos meses.”
PROGRAMA
Domingo 21 de setembro ás 12.00 h no Teatro Principal – ‘De La Scala a Lavapiés’
Sábado 11 de outubro ás 20.00 h no Teatro Principal – ‘LusoFonías’ con Filipe Fonseca como director convidado
Sábado 15 de novembro ás 20.00h no Teatro Principal – ‘Rêveries Françaises’
Sábado 20 de decembro ás 20.30h na Igrexa de San Francisco coa Coral Polifónica de Pontevedra en conmemoración do seu centenario