O mariñeiro e divulgador en redes sociais será o encargado de realizar actividades no Mercado pontevedrés nas que tratará de achegar coñecemento sobre o peixe, como compralo, como conservalo e como recoñecelo
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou este mércores, 3 de setembro, unha nova iniciativa destinada a concienciar á poboación adulta sobre a importancia dos hábitos saudables e o consumo de produtos de proximidade. O programa, que leva por título, Mercado con xeito, deseñado en estreita colaboración coa asociación de praceiras e praceiros, presidida por Begoña Laya, busca revitalizar a Praza de Abastos e atraer a un público máis novo, abordando o «necesario relevo xeracional» que se detectou entre a clientela do mercado.
Para levar a cabo este proxecto, contarase coa participación de Rogelio Santos Queirúa, mariñeiro de profesión, mais tamén coñecido como un dos grandes divulgadores galegos da cultura do mar. O programa estrutúrase a través de dúas actividades complementarias, para as cales será necesaria inscrición previa xa que as prazas son limitadas.
As actividades programadas son:
- Faladoiros con Rogelio Santos: Un ciclo de charlas que terán lugar os sábados pola mañá no primeiro andar do mercado (na antiga lonxa). Nestes encontros, Rogelio achegará aos asistentes a importancia do mar, a cultura mariñeira, o consumo de proximidade e resolverá dúbidas sobre o peixe e o marisco.
- Datas: Sábados 13 e 20 de setembro; 4 e 11 de outubro; e 15 e 22 de novembro.
- Hora: 11:30 h.
- Prazas: 30 persoas.
- Visitas guiadas coas praceiras e praceiros: Percorridos polo mercado da man dos propios traballadores e traballadoras, quen explicarán as características dos seus produtos e responderán ás preguntas dos participantes. Estas visitas realizaranse os mércores, a petición dos propios vendedores, por ser un día con menos carga de traballo que o sábado.
- Datas: Mércores 17 e 24 de setembro, 15 de outubro e 12 de novembro.
- Hora: De 11:00 a 12:30 h.
- Prazas: 15 persoas.
Ambas as dúas actividades están deseñadas para complementarse. De feito, no seu último faladoiro, Rogelio Santos recollerá e resolverá as dúbidas que xurdisen durante as visitas guiadas ao mercado.
A presidenta dos praceiros, Begoña Laya, agradeceu ao Concello as facilidades para “divulgar o que realmente necesitamos” e destacou a calidade e variedade do produto do mercado de Pontevedra, que cualificou de “exquisitez” e que fornece á mellor hostalaría da cidade.
O propio Rogelio explicou que nestas actividades tentará achegar Galiza a través do mar, recoñecer o traballo dos mariñeiros e das mariñeiras, así como dos praceiros e das praceiras; tamén sinalar a temporalidade do peixe, desmontar mitos ao redor deste e do seu consumo, apostar polo consumo sostíbel e asequíbel, identificar o peixe e marisco fresco, como conservalo, como cociñalo, etcétera.
Información e inscricións
A participación en calquera das actividades require inscrición previa, que deberá realizarse a través do correo electrónico conxeitopontevedra@gmail.com. É importante destacar que o prazo de inscrición abrirase unha semana antes da data de cada actividade.
Para máis información, poderá consultarse nas redes sociais do Concello e do Mercado.
