O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá en rolda de prensa o borrador do proxecto de mellora para esta rúa, cuxo orzamento inicial sería de 1.094.000 euros
O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local (XGL) celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o rexedor quixo destacar a chegada ao Concello do primeiro borrador do proxecto de mellora integral da rúa Casimiro Gómez.
Trátase dunha intervención completa neste espazo da cidade, que contempla unha transformación substancial da mesma, así como o cambio e mellora de todos os servizos soterrados da rúa. O rexedor lembrou que Casimiro Gómez, xunto con Pai Fernando Olmedo, é das poucas rúas que quedan nesta zona sen tratar.
Tal e como lembrou Fernández Lores, existe a necesidade dunha intervención completa e urxente nesta rúa, xa que na actualidade os servizos como a auga presentan problemas ao longo do ano, con rupturas das tubaxes. O obxectivo do proxecto, alén de resolver esas problemáticas, traerá consigo unha mellora significativa da calidade urbana en toda a rúa, que verá ampliada as súas beirarrúas para favorecer a accesibilidade e o tránsito peonil. A circulación, pola súa banda, manterase tal como está na actualidade, sen cambios.
Casimiro Gómez pasará a contar con arborado, así como novas luminarias en todo o seu trazado. En canto ao financiamento, o rexedor afirmou que a parte máis potente do investimento, correspondente á renovación dos servizos, executarase con cargo ao canon da auga. Este canon representa unha achega anual dun millón de euros durante cinco anos, derivada do contrato con Viaqua.
Unha vez que o proxecto alcance a súa forma final, consensuada entre o equipo de redactores, e Concello, tentarase licitar ao longo deste ano 2025, se é posible, coa execución prevista para o ano seguinte. No caso de non ser posible a licitación este ano, as partidas orzamentarias necesarias para a execución incluiríanse no orzamento de 2026. Lores tamén fixo fincapé na importancia da participación cidadá. O Concello abrirá, pasada a Feira Franca, unha fase para presentar o proxecto aos veciños e veciñas da rúa e estudar a incorporación de «cuestións que consideremos posibles e razoábeis», a través dunha xuntanza presencial. O Concello avisará a través dun buzoneo, os medios e outras vías deste futuro encontro.