O Concello aproba a contratación do novo pavillón municipale da nova praza pública de Monte Porreiro 

A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do proxecto por 6,4 millóns de euros e un prazo de execución de 30 meses.

Tamén aprobou o deseño de urbanización dunha nova zona verde de 4.200 metros cadrados na Parda entre as rúas Maruxa Mallo, Virxinia Pereira e San Amaro. Será unha actuación que manterá a singularidade do terreo. 

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o inicio do expediente de contratación do novo Pavillón municipal e da nova praza pública do barrio de Monte Porreiro cun custe de licitación de 6.416.772,53 € e un prazo de execución de 30 meses.

Segundo explicou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde o proxecto consiste na construción dun novo pavillón deportivo semisoterrado xunto coa urbanización da súa contorna. Substitúe as instalacións existentes (unha pista ao aire libre e un pavillón cuberto) por un equipamento moderno e especializado, creando ademais unha nova praza pública sobre a cuberta do edificio.

A praza terá unha superficie de 2.104,85 metros cadrados con zonas axardinadas e arboradas que permitirá conectar a parte alta do barrio (rúa Alemaña) coa parte baixa (rúa Reino Unido). 

O proxecto integra varias estratexias de sostibilidade en relación coa creación e o deseño da praza. De feito, apóstase por unha cuberta verde ou redución do efecto “Illa de calor”, polo deseño bioclimático do edificio ao soterrar o pavillón e aproveitando a inercia térmica do pavillón, e a pérgola disporá de instalación fotovoltaica que contribuirá ao autoconsumo do edificio.

A tenente de alcalde tamén explicou que a Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto de urbanización da zona verde entre Maruxa Mallo, a avenida Virxinia Pereira Renda e a rúa San Amaro no barrio da Parda. Trátase dun proxecto que se retoma a raíz da solicitude de licenza dun novo edificio de Kuha soluciones residenciales S.L. que permitirá rematar o acondicionamento como zona verde dunha parcela de 4.200 m2 parada dende hai anos.

A proposta paisaxística ten como obxectivo principal transformar a finca existente nun espazo público moderno, sostible e multifuncional. Preténdese preservar o carácter orixinal da finca poñendo en valor os seus elementos preexistentes: arborado, muros de cachotería, os socalcos da parcela, os solos orixinais e, incluso, o traslado do hórreo de pedra á zona verde.

Tamén no capítulo de Urbanismo, a Xunta de Goberno acordou prorrogar o prazo de licenza para finalizar as fases 4 e 5 dos bloques de vivendas de Agro da Estrela, na avenida Conde Bugallal, así como o cambio de titularidade da urbanización que pasa a mans da Sareb.

Eva Vilaverde explicou que se trata dunha obra que comezou en 2007 pero con motivo da crise da construción “que deixou vivendas sen edificar, estamos vendo como ultimamente vén á Xunta de Goberno a solicitude prórroga de prazos para termar a execución de obras que estaban iniciadas. Isto nos satisface porque imos completando a cidade e se van pechando flocos que quedaban”.

Neste caso son dous edificios dunhas 50 vivendas en total que permitirá completar a urbanización que tiña unha edificabilidade prevista de 110 vivendas.

Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno local foi a aprobación da intervención de emerxencia realizada no edificio de Riestra a cargo da empresa Resigal cuxo custe ascendeu aos 43.000 euros logo da retirada da cuberta e parte da fachada para garantir a seguridade viaria.

Finalmente tamén aprobou a Xunta de Goberno a segunda addenda para adecuar o financiamento do convenio entre o Concello e a Deputación para as obras do campo de fútbol de Salcedo.

A tenente de alcalde Eva Vilaverde explicou que estaba pendente o incremento de prezos da obra e na última comisión de seguimento do Convenio acordouse asinar unha addenda para aumentar o financiamento da Deputación en 176.455,00 € e así poder liquidar o custo final das obras.

Compartir publicación: