A Oficina municipal de Turismo atendeu a máis de 13.500 visitantes no mes, un 20,88 % máis que en xullo do pasado ano
Entre os turistas nacionais, os chegados desde Madrid, Andalucía e Castela-León foron os máis numerosos; e entre os estranxeiros, os orixinarios de Estados Unidos, Francia e Portugal
Anabel Gulías: «A Boa Vila encara o reto de manterse como un destino de calidade, respectuoso e sostible, que non rache a convivencia e hospitalidade dun pobo que dá de beber a quen pasa»
Cada vez son máis os visitantes que se achegan a Pontevedra, na temporada de verán, a gozar dos seus múltiples atractivos: a proximidade da costa, un clima benigno, un senlleiro patrimonio histórico, prezos alcanzables, unha rica e variada gastronomía, a súa ampla programación festiva e cultural ou da animada vida na rúa. Unha oferta á que se suma a celebración de importantes citas deportivas e o reclamo do Camiño de Santiago
Os balances mensuais da Oficina de Turismo de Pontevedra recollen, de xeito continuo o volume e perfil biográfico dos visitantes que chegan á capital do Lérez. Malia ser unha análise parcial de situación —recolle datos só dos que se achegan á oficina— reflicte tendencias que logo confirman estudos académicos como os do Observatorio Urbano que elabora a Universidade de Vigo para o Concello de Pontevedra e as estatísticas do sector.
Os datos de xullo fálannos dun importante aumento do número de visitantes respecto ao mesmo mes do ano anterior. Ata a Oficina municipal de Turismo achegáronse 13.529 persoas en busca de información, un 20,88 % máis que hai un ano. Case nove de cada dez -11.835 en termos absolutos- tiñan orixe nacional, sendo os chegados desde Madrid, Andalucía, e Castela-León, os máis numerosos.
Respecto aos 1.694 estranxeiros que pasaron polo punto municipal de información turística da Boa Vila —un 26,13 % máis que en xullo do pasado ano— foron nacionais de Estados Unidos, Francia e Portugal os máis numerosos, seguidos dos de Italia e Alemaña.
As profesionais da empresa municipal Turismo de Pontevedra atenderon en xullo unha media de 436 visitantes ao día, fronte aos 240 diarios atendidos no mes anterior, cando pasaran pola oficina un total de 7.470 visitantes.
| TURISTAS | XULLO 2025 | XULLO 2024 | DIFERENZA | XUÑO 2025 | XUÑO 2024 | DIFERENZA |
| T. NACIONAIS | 11.835 | 9.841 | 1.994 ( 20,26%) | 5.572 | 4.448 | 1.124 (25,27%) |
| T. INTERNACIONAIS | 1.694 | 1.351 | 353 (26,13%) | 1.898 | 1.115 | 783 (70,22%) |
| TOTAL | 13.529 | 11.192 | 2.337 (20,88%) | 7.470 | 5.563 | 1.907 (34,28%) |
Fonte: Oficina municipal de Turismo
Porén o punto de información atende tamén as demandas da poboación local que busca información sobre actividades e eventos da cidade e, ás veces, mapas e datos turísticos para compartir. Neste caso, foron 3.407 as pontevedresas e pontevedreses atendidos, un 257,13 % máis que en xullo do 2024. Unha cifra que, ademais, multiplica por 12 o volume de locais do mes de xuño e que amosa o interese pola programación festiva do verán e, por outra banda, o feito de que xa son un referente informativo para a cidadanía.
Pontevedra está na moda e gaña peso nos mapas turísticos de Galicia e España. Con máis visitantes e ao alza, máis pernoctacións e ofertada como visita “obrigada” por axencias de viaxe, hoteis, revistas especializadas, oficinas turísticas, a Boa Vila encara o reto de manterse como un destino de calidade, respectuoso e sostible, que non rache a convivencia e hospitalidade dun pobo que «dá de beber a quen pasa», explica a conselleira-delegada de Turismo de Pontevedra e concelleira municipal Anabel Gulías.