O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas.
O edil, César Mosquera, indicou que xa toda a documentación e os pregos están xa completos.
O edil de Mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera, deu conta na Comisión de Mobilidade, Obras e Servizos do estado de tramitación do proxecto de renaturalización do Río Gafos, que entra na súa fase de contratación logo de recibir todos os permisos necesarios para abrir este novo capítulo administrativo.
Cómpre lembrar que este é un proxecto financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) do Goberno de España.
Tal e como sinalou Mosquera, o proxecto atópase na fase final de tramitación, polo que pode iniciarse xa a fase de contratación, ao ser recibidas as autorizacións de Augas de Galicia e da Fundación Biodiversidade. «Toda a documentación e os pregos xa están completos e na plataforma de Contratación. Agardamos que o proceso de licitación sexa o máis áxil posible, a pesar da complexidade da obra e dos requisitos adicionais por contar con fondos europeos», explicou.
O orzamento incluído no proxecto é de 4,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses. Serán plantadas case un cento de novas árbores, duplicando a cifra actual; ademais de 290 plantóns de salgueiro, o que derivará nuns 700 metros cadrados de cobertura arbórea. A maioría das especies serán de folla caduca.
O proxecto non só permitirá crear unha zona verde de elevada calidade, senón que tamén traerá consigo unha hidráulica moi importante, rebaixando a posibilidade de inundacións e mellorando o control das mesmas.
Doutra banda, cómpre sinalar que esta actuación terá un carácter de quilómetro 0, xa que, por exemplo, o formigón retirado do río será triturado para logo ser utilizado na construción dos camiños esendeiros fluviais. Tal e como indican desde o equipo de deseño do proxecto, na Fundación Biodiversidade non teñen coñecemento dunha renaturalización deste tipo, polas súas características únicas, dentro do Estado español.