A concelleira de Igualdade afirmou que son tempos difíciles para o feminismo despois das declaracións do presidente da Xunta, do secretario xeral para a violencia de xénero, do alcalde de Moraña e do subdelegado do Goberno.
Presentou a exposición “De Eva a Maruxa” creada polo Consello da muller nova que se inaugura este martes, 17 de xuño ás 11.30 no Mercado de Abastos. A partir do 10 de setembro percorrerá os centros de ensino de Pontevedra.
No proxecto participaron todos os institutos do municipio.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías quixo iniciar esta mañá a súa comparecencia para presentar o novo proxecto do Consello da Muller Nova, a exposición “De Eva a Maruxa”, advertindo que “son días francamente difíciles para o feminismo galego. Eu nunca pensei que tiña que empezar unha roda de prensa de igualdade ou de feminismo lamentando profundamente as declaracións de cargos institucionais sobre os casos de violencia machista que están acontecendo no noso país nos últimos tempos”.
Explicou que “cando pensas que o feminismo avanza e que as ameazas están en actores que temos localizados, lévaste a sorpresa de que quen, supostamente, ten que defendernos ás mulleres, fai declaracións vitimizando e culpabilizando ás mulleres que denuncian ou que son vítimas. O presidente do goberno (da Xunta) acolle no seu xeo a un presunto agresor sexual como se non pasara nada e filtra o nome da muller que denuncia, deixándoa nunha situación francamente complexa; o secretario xeral para a violencia de xénero secunda as declaracións; o alcalde de Moraña decreta loito oficial a un maltratador con sentencias firmes e presunto asasino; e o subdelegado de goberno culpabiliza ás mulleres por non querer protexerse. Polo tanto, francamente, nunca pensei que as institucións ían ser parte dese retroceso do feminismo”.
Anabel Gulías fixo esta introdución na comparecencia para presentar “De Eva a Maruxa”, unha exposición coordinada por centros educativos de Pontevedra “da que estou moi orgullosa porque naceu nesas reunións que temos asiduamente no Consello da Muller Nova”. A idea xurdiu da necesidade de contribuír a pór á muller e ao feminismo no centro do debate “e foi cando xurdiu a posibilidade de revisar o mundo da arte dende unha perspectiva feminista. Non só as mulleres como obxecto, senón tamén como creadoras e como potencia creativa”, indicou a concelleira.
A alumna Estefanía Argibay Lameiro, participante no proxecto, fixo unha reflexión sobre como se representa á muller no arte e nos medios de comunicación tomando como referencia a artista Frida Kahlo. Estefanía explicou que “durante séculos, a muller foi representada nos medios e na arte como un obxecto, non como un suxeito, sempre vista dende fóra, sen voz propia. Frida Kahlo rompeu con isto, a través da súa pintura, especialmente a súa obra as dúas Fridas. Representouse a si mesma en toda a súa complexidade, con dor, pero tamén con forza, dividida, pero conectada co seu corazón e co seu mundo interior. Nós traballamos con esta obra facendo un fotocall interactivo no que recreamos a escena das dúas Fridas. Este proxecto levounos a reflexionar sobre a entidade e o desdobramento interior, a solidariedade e a loita por aceptarse a un mesmo. Ao poñernos literalmente na pel de Frida entendemos que a visualización da muller non é só cuestión de estética, senón tamén de narrativa, quen conta historia e quen controla a imaxe. No contexto dos medios de comunicación, Frida converteuse nunha icona global, pero moitas veces é simplificada. Aparece como un símbolo de estilo sen fondo. Por iso, é importante volver á súa imaxe orixinal, á súa verdade, e entender que cada imaxe súa conte unha mensaxe de resistencia, dor, amor propio e denuncia social. Con este fotocall non só homenaxeamos a Frida, senón que tamén tratamos de apropiarnos desa liberdade creativa. Desde o dereito a mostrarnos como somos sen filtros impostos polos medios ou pola sociedade. Porque, como dicía Frida, píntome a min mesma porque é o tema que mellor coñezo. Ese é precisamente o camiño que as mulleres queren contarse a si mesmas tanto no arte como na comunicación”.
Pola súa banda, Ana Sande, profesora de Educación Plástica e Lingua Galega do Colexio Sagrado Corazón de Praceres explicou que “quixemos, sobre todo, explicar que as mulleres, dende o principio da historia, estaban totalmente excluídas da arte pola súa invisibilidade, polas súas limitacións tanto sociais, como culturais e económicas. Isto fómolo explicando nos paneis e tamén fixemos xogos nos que os rapaces elaboraron imaxes nas que asociaron a homes famosos con mulleres invisibilizadas. Tamén vimos como nos museos aínda hoxe en día non se recoñecen ás mulleres. Fixemos unhas porcentaxes de museos importantes de hoxe que aínda non están expostas aos traballos delas”.
Dende o CEIP Montecelo falou Silvia López. Explicou que o alumnado realizou a exposición con materiais reciclables e pensando en que ía ser trasladada a distintos centros de ensio con características arquitectónicas diversas polo que os materiais tiñan que ter a posibilidade de adaptarse aos espazos.